Segundo explica a edil nacionalista “os bonos axuda Ribadeo, unha vila para a conciliación amplían agora os supostos para a súa concesión, xa que ademais de para axudar a aquelas  familias nas que traballen os dous proxenitores, tamén se poderán beneficiar das mesmas en casos de enfermidade da persoa que se fai cargo das crianzas, hospitalización dalgún membro da familia, socialización dos menores, para acudir a entrevistas de traballo, ampliación de estudos dos proxenitores/coidadores, preparación de oposicións, certificados de profesionalidade, asistencias a cursos Afd”.

A contía desta axuda ascende ao 50% do custe por cada hora de estancia na ludoteca que lle sexa outorgada a cada familia, cun límite por unidade familiar de 150 euros ao mes (no caso dun menor) e de 300 euros ao mes para dous menores e así sucesivamente.

Álvarez Lastra lembra que “esta axuda que leva anos realizándose co impulso do Concello de Ribadeo,  está condicionada a que tanto os menores como os seus coidadores estean empadroados en Ribadeo, e que a renda da unidade de convivencia non supere os 1500 euros netos mensuais se ten un fillo ou de 1800 euros netos mensuais con dous ou máis fillos a cargo”.

A concelleira de Igualdade e responsable do Centro de Información ás Mulleres invita “a todos e todas familias que queiran beneficiarse desta axuda a que acudan ás oficinas do CIM, sitas no Auditorio Hernán Naval, rúa Bos Aires s/n, onde as técnicas do centro de información a muller, axudaranlle a tramitar estas axudas. Tamén poden solicitar máis información no número de teléfono 982 120 739”.