O encargado de asesorar aos restaurantes participantes será o cociñeiro Gonzalo Pañeda, que na actualidade dirixe o restaurante El Puerto en Xixón, que conta cunha estrela Michelín. El, xa esta mañá, relatou a súa experiencia cun bono similar que hai nesa cidade asturiana. Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo sinalan que “o que se persegue é ofrecerlle a ribadenses e visitantes un menú elaborado con produtos desta zona, de calidade e a un prezo atractivo”. O Bono gastronómico de Ribadeo terá un custe de 60 euros para dúas persoas e incluirá: dous medios entrantes, unha media ración de peixe e unha media ración de carne por comensal, ademais de postre, café e viño. Haberá que facer as reservas como mínimo 24 horas antes e a pretensión é vendelo tamén on line. “Este bono pode ser, por exemplo, tamén unha boa forma de agasallar a familiares e amigos para que disfruten da rica gastronomía desta zona”, engaden desde o Concello.

A primeira fase rematará cando Gonzalo Pañeda visite e analice os restaurantes que participarán nesta oferta e que deben reunir unha serie de características e requisitos mínimos para ofrecer un produto homoxéneo e de calidade. A pretensión do Concello é que o Bono gastronómico bote a andar ao longo deste verán de 2013.

Outro dos produtos nos que traballa a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo é o denominado Sabores de Ribadeo, “que tamén se baseará en produtos da zona, que se presentarán en tapas e racións. Sabores de Ribadeo estará dirixido a bares e mesóns que non teñan cabida no Bono gastronómico”.