Sierra explicou que “ata o 15 de setembro está aberto na Xunta de Galicia o prazo de solicitude de axudas económicas destinadas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos vacacionais escolares a través do Bono Concilia Familia”. 

A concelleira ribadense contou que “se trata de axudas para familias con fillas e fillos de ata 12 anos, residentes en Galicia, para prestar atención a esas necesidades de conciliación entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro. Tamén se poderán beneficiar as persoas con rapaces a cargo en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos”.

Elena Sierra indicou que “toda a información sobre o Bono Concilia Familia atópase na sede electrónica da Xunta de Galicia. Aquelas persoas que precisen algún tipo de aclaración tamén poden dirixirse ao departamento de Benestar Social do noso Concello”. 

A edil de Benestar Social anima a solicitar estas axudas: “queremos animar ás familias de Ribadeo, que poidan ser beneficiarias destas axudas económicas, a que as soliciten. O prazo abriuse hai uns días e rematará a mediados de setembro”.