O alcalde, Fernando Suárez, quixo “dar conta, aínda que xa o estamos facendo desde o Boletín Oficial da Provincia e desde a páxina web do Concello de Ribadeo desde hai días, pero queremos informar tamén a través dos medios de comunicación, da creación de varias bolsas de operarios de servizos municipais que temos en marcha. Algunhas xa están publicadas e outras sairán nos próximos días, pero queremos facer un anuncio xeral para todos aqueles homes e mulleres que non se atopen traballando agora mesmo, e queiran vir a aportar os seus méritos e capacidades, e someterse aos exames oportunos, para formar parte destas bolsas que cubrirán posibles baixas de persoal municipal por vacacións, eventualidades de verán, incapacidade temporal ou algúns momentos circunstanciais de produción polos que se necesita máis persoal”.

O rexedor explicou que “para iso hai unha das bolsas de operarios de servizos múltiples que xa se pechou o prazo de presentación, á cal se anotaron 43 persoas, pero agora abrimos outra, que vai estar aberto o prazo durante vinte días hábiles, para choferes de vehículos municipais. Tamén nos vindeiros días sairá no Boletín Oficial da Provincia outra nova bolsa para oficiais de segunda albaneis, e outra para chofer de maquinaria municipal”.

Suárez Barcia manifestou que “o que estamos a facer agora por unha banda é renovar e por outra ampliar. Renovar algunhas bolsas que xa existían, que estaban prescritas, pero tamén estamos ampliando o número de bolsas para adaptarnos mellor aos perfís de persoas que poden ser susceptibles de traballar. Toda esta información, para vela con máis detalle, está publicada no taboleiro de anuncios da sede electrónica da páxina do Concello de Ribadeo en www.ribadeo.gal, e aí todo o mundo ten toda a información, cales son os méritos, as capacidades, os procedementos, as instrucións, os días de exames, etc…”.

O Ibi non subirá en 2018
Sobre o pleno ordinario celebrado esta semana no Concello de Ribadeo o alcalde contou que “entendo que o punto máis salientable deste pleno ordinario celebrado foi a modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI. Quixemos contrarrestar a suba que o Ministerio de Facenda aplicou aos valores catastrais, dándolle un coeficiente de actualización do 8%. E nosoutros para contrarrestalo quixemos baixar o tipo que o Concello ten que determinar para aplicar, baixalo nun 8% para que a cota resultante sexa a mesma”.

Fernando Suárez engadiu que “con isto vimos comprobar de maneira verídica o noso compromiso de non subir o IBI, de non subir os impostos nestes últimos anos, e así o vimos cumprindo. Polo tanto a xente pagará o mesmo que pagou o ano anterior e o mesmo que pagou o ano inmediatamente anterior tamén, sen prexuízo de aqueles que tiveron unha revisión catastral por cuestións que non estaban declaradas ou que non estaban correctamente declaradas polo motivo que fora. O tipo actual fixado do 0’67, tal e como acordamos nun pleno anterior, agora neste pleno puxémolo ao 0’62 para o ano 2018”.