O rexedor declarou que “no meu nome, no nome do goberno e no nome de toda a Corporación queremos desexarlles unhas moi boas festas a todos os veciños e as veciñas, e a todos os que nos visitan, ben porque estean de paso, estean como turistas, ou ben porque veñen nestas datas a estar cos seus familiares porque o resto do ano están lonxe, están fora ou están emigrados”.

Suárez Barcia subliñou que “entre todos e todas facemos este Ribadeo que nos gusta e do que nos sentimos orgullosos. Este Ribadeo cheo de vida e de actividades, cos seus problemas tamén, pero con vocación de seguir sendo unha das locomotoras principais da comarca da Mariña, e as festas da patroa son unha mostra diso. Son un reflexo tanto de actividades como en orquestras, como nos fogos de artificio desta noite, etc…, e que todo o mundo está convidado a vivir estas festas, a disfrutar delas e a deixarse caer por Ribadeo nestas datas”.

O alcalde engadiu: “quero tamén, como alcalde, agradecer á comisión de festas e a quen lles axudou e colaborou, aos bares e ao sector do comercio que colaborou economicamente, e aos particulares na medida en que tamén o fixeron. Pero especialmente quero valorar, agradecer e recoñecer publicamente o traballo de Juan José Otero, Avelino Martínez e Marta Sainz porque só eles saben as preocupacións e os desafíos que tiveron que resolver para ofrecernos as mellores festas posibles. Tendo en conta que cada día as normativas son máis duras, que é máis complicado organizar eventos festeiros de lecer públicos, e que moitas veces para todas aquelas persoas que estamos en cuestións de representación pública sempre hai moito quen critique, pero despois non hai tanto que achegue o ombreiro. Por todo iso a Juan, a Avelino e a Marta, de parte do Concello de Ribadeo e de parte de toda a Corporación, as nosas felicitacións e os nosos parabéns por ter organizado un ano máis estas festas. E para o resto dos veciños que teñan todos unhas moi boas festas da patroa 2018, e como sempre dicimos, que viva Ribadeo”.