A edil ribadense explicou que “o Concello de Ribadeo ven de publicar, hoxe de novo, a licitación das obras de mellora no barrio da Pega e na rúa Río do Amalló por un importe total de 398.000 euros. Esta nova licitación chega logo de que fai uns meses recibíramos un total de seis ofertas da primeira adxudicación pero que, debido á situación actual de incerteza e de subida de prezos, estas seis empresas se viran obrigadas a renunciar pola súa imposibilidade de executar estas obras”. 

Mónica Freire dixo que “o Concello de Ribadeo é neste caso unha vítima máis destas circunstancias mundiais que orixinan a situación actual que estamos a vivir de incremento de prezos e que é un problema que non só afecta ás administracións senón tamén a calquera veciño e familia porque temos que pagar máis para facer o mesmo”.

A concelleira de Obras indicou que “no caso desta actuación de acondicionamento do barrio da Pega e da rúa Río do Amalló, a actualización do proxecto para acomodalo a estes novos prezos supuxo un incremento de practicamente 100.000 euros con respecto ao custe inicial”.

A edil subliñou que “este importante esforzo estámolo facendo pola importancia que ten esta actuación porque ademais do amaño de cinco rúas que contempla este proxecto, contamos tamén para a súa execución cun convenio interadministrativo da Deputación. Agora as empresas interesadas dispoñen de vinte días para presentar as súas ofertas e agardamos que as vindeiras semanas poidamos iniciar estas obras”.