Fernando Suárez rexeita as declaracións dos responsables locais do PP sobre a máquina barredora municipal e explica que “houbo dúas denuncias que a Garda Civil de Ribadeo puxo á barredora nunha rúa da vila, pero o PP toca de oído, non ten nin idea do que está dicindo e o que fan é enganar á opinión pública e tratar de confundir á xente”.

O alcalde explicou que “a realidade é que a Garda Civil denuncia á barredora municipal por non dispoñer de seguro, algo absolutamente falso como xa puidemos xustificar a través da alegación, onde ensinamos o seguro anual que temos vixente; polo tanto é unha denuncia absolutamente improcedente. Era nesta denuncia na que se impoñía unha multa de 1.500 euros ao Concello, pero é absolutamente improcedente porque o recibo existe e está pagado, como se fixo sempre, en todas as anualidades”.

O rexedor municipal engadiu que “a segunda denuncia, que tamén lle impón á barredora municipal a Garda Civil, é por non ter pasado a ITV, aínda que é un vehículo que a súa velocidade non excede habitualmente de 25 quilómetros por hora nin moito menos. Pero ademais en 15 ou 16 anos que ten esta barredora nunca pasou a ITV. Ningún goberno: nin o do PP nin o do PSOE nin agora o do Bloque lle pasou a ITV, non por unha cuestión de capricho, senón porque entendemos que son vehículos que non deben pasar este tipo de inspeccións por estar exentos. En todo caso desde o Concello non estamos conformes con esta denuncia e alegaremos con todas as argumentacións xurídicas”. Esta multa contemplaba unha sanción de 200 euros.

Por todo isto Fernando Suárez aclarou que “nin unha denuncia nin a outra van prexudicar aos veciños de Ribadeo, como di o PP, nin moito menos” e tamén explicou que “o alcalde, como comprenderán os señores do PP, non anda mirando se os papeis están nos coches ou non, porque para iso hai traballadores municipais encargados de facelo”.

E o alcalde remata pedíndolle ao PP “que, máis aló destas cuestións de fogos de artificio, se preocupe polos temas importantes de verdade para Ribadeo. Por exemplo espero que na reunión que teñamos o luns coa conselleira de Traballo e Benestar poña encima da mesa unha boa cantidade de diñeiro para que os de Ribadeo poidamos ter unha residencia que complemente á que hai, asunto polo que a Xunta ata agora non deu visos de nada real nin de nada crible. Polo tanto os seus esforzos e as súas gañas de traballar e de loitar por Ribadeo que as apliquen onde realmente á xente lle interesa, que se deixen destas cousas, que aprendan a tocar de partitura e non de oído”.