O equipo de goberno continúa así co traballo iniciado hai uns días enviando tamén as notificacións individuais aos 700 propietarios de masas forestais que se atopan e menos de 50 metros de casas ou de núcleos de vivendas. Deste xeito seguen as instrucións dadas polo goberno municipal de Ribadeo para que todos os veciños e veciñas saiban que teñen ata o 1 de xuño para proceder á limpeza deses terreos. De non ser así o Concello impoñeralles as sancións correspondentes ou procederá á execución subsidiaria.

O alcalde, Fernando Suárez, dicía hai uns días: “recoñecemos e respectamos a propiedade particular, pero os propietarios deben respectar tamén o que di a lei, e o que di é que nos 50 metros desde o núcleo rural ou no defecto deste, desde as paredes das vivendas, hai que manter unha faixa de protección de 50 metros sen arborado como eucaliptos, piñeiros, acacias, etc… “.

O Concello está a enviar cartas individualizadas a todos os propietarios, segundo os datos que constan no catastro. E procede desde hoxe, luns, a poñer en todos os barrios e en todas as parroquias de Ribadeo, bandos informativos cos planos onde se ven todas as parcelas que están incumprindo a lei de incendios. O rexedor subliña que “aquelas persoas que teñan calquera dúbida a este respecto poden dirixirse á Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo”.

Todo este traballo realízase co obxectivo de diminuír as consecuencias dos lumes que se poidan producir na época estival.