O rexedor sinala que “o 25 de xullo, día da Patria Galega, é un motivo de especial celebración que vai máis aló do simbólico e adquire as tonalidades propias dun acto reivindicativo que quero compartir con todas e todos vós, convidando a todo o pobo a amosar o orgullo de pertencer a un país que busca con decisión o seu futuro”.

Súárez Barcia manifesta que “esta data na que nos recoñecemos todos e todas como pobo, coa nosa identidade e historia, coa nosa lingua, baixo a nosa bandeira. Son símbolos que nos dan forza colectiva. Un día da Patria hoxe presidido pola preocupación cidadá pola situación sanitaria e social por esta pandemia que aínda non demos superado”.

Para o alcalde ribadense “o amor pola patria amósase loitando por unha sanidade pública de calidade e por unha educación que faga que as xeracións que veñen detrás nosa estean formadas dabondo para aproveitar os recursos desta terra, sen teren que emigrar unha e outra vez. Tamén loitar para garantir a igualdade de oportunidades para todas e todos, o dereito a un entorno saudable e a un futuro ecoloxicamente sustentable”. 

Fernando Suárez remata este Bando: “todas estas arelas farannos medrar e permitirannos reafirmar a nosa idea dunha Galiza viva e irmá de todos os pobos do mundo. Unha terra de emigrantes solidaria cos que hoxe se ven obrigados a emigrar. Os que van e as que veñen. Unha terra de mulleres e homes libres e orgullosos de saber quen son, de saber de onde veñen e cara onde van”.