Alí estarán técnicos e comerciais da empresa Eurona Telecom, á que a Asociación de Concellos galegos e asturianos do entorno da Reserva da Biosfera lles adxudicou os traballos de extensión da banda ampla polo territorio.

No escrito remitido ás asociacións de veciños por parte do rexedor, éste lembra que “hai máis dun ano asinamos un convenio de colaboración co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño polo que éste se comprometeu a aportar uns 2.000.000 de euros para diferentes actuacións de mellora do noso entorno como subvencións para corrección de impactos paisaxísticos a particulares, axudas económicas aos Concellos para mellorar os servizos de medioambiente e tamén, unha importante partida económica para lograr un acceso a toda a poboación urbana e rural ás novas tecnoloxías da comunicación”. Fernando Suárez engade que “para isto, a Asociación de Concellos da que formamos parte, concertamos unha primeira fase dunha inversión tecnolóxica para que a nosa xente poida ter un acceso a internet en moitos núcleos e parroquias destes Concellos, entre eles Ribadeo, que ata a actualidade tiñan graves problemas de conexión. É por iso que adxudicamos á empresa Eurona Telecom o traballo de extensión da banda ampla polo territorio da Reserva”.

As asociacións veciñais convocada ao acto previsto para o sábado ás 12 da mañá no salón de plenos do Concello son as de A Devesa, Arante, As Anzas, Cedofeita, Cinxe, Couxela, Covelas, Folgosa, Noceda, Ove, Piñeira, Piñeiro, Remourelle, Rinlo, Vilaframil, Vilar, Vilaselán, Vilausende e Vilela. O encontro cos técnicos e comerciais de Eurona Telecom é para explicarlles os detalles da oferta para recibir internet inalámbrico xunto con telefonía, especialmente pensada para as parroquias do rural que a día de hoxe teñen mala cobertura de ADSL.