A edil nacionalista sinala que “ata o 1 de xullo vánse recoller os libros de texto xa usados de 5º e 6º do colexio Gregorio Sanz e os de 1º, 2º, 5º e 6º do Sagrado Corazón. Non recollemos os de 3º e 4º porque os libros cambian e non se poderían utilizar e tampouco os de 1º e 2º do Gregorio Sanz porque serían difícilmente reutilizables, segundo nos comunicou a dirección do centro”. A data límite de entrega dos libros de texto será ata o 1 de xullo na sede dos Servizos Sociais do Concello en horario de 9 da mañá a 14 horas.

González Piñeiroa indica que “despois procederemos á súa selección, e a continuación entramos na segunda fase que irá do 1 ao 18 de xullo, período no que as familias poden presentar as súas solicitudes para ser beneficiarios deste préstamo de libros de texto. Para adxudicalos haberá un baremos no que primará a situación económica e laboral das familias e tamén puntuará o feito ser prestatario de libros. Unha persoa que presta libros ten máis puntuación que unha que non presta”.
A concelleira de Servizos Sociais engade que “sabemos que non imos poder acceder a todas as familias que teñen necesidades, pero en función dos libros que teñamos iremos distribuindo entre os beneficiarios. Así poderá haber familias que leven un lote completo e outras que só levarán uns cantos libros. Tentaremos distribuilos dun xeito equitativo e o máis xusto posible”.

Teresa González fai unha chamada “para que todas aquelas persoas que teñen libros de texto na súa casa, que xa non utilizan e que moitas veces non se sabe qué facer con eles, para que os depositen alí co obxectivo de poder distribuilos entre as familias que o necesiten. É unha iniciativa que queremos e desexamos que se vaia nutrindo de máis exemplares para poder atallar a situación difícil pola que atravesan moitas persoas”.

A edil do BNG rexeitou as críticas verquidas nas últimas horas desde o PP, “nós non queremos utilizar os colexios para ningún tipo de adoctrinamento. A realidade social está aí ao igual que o malestar xeralizado antes uns recortes e ante unha discriminación na educación. Non queremos entrar en polémicas, senón que o que pretendemos é buscar solucións á problemática existente, xa que hai moitas familias que antes contaban cuns libros que se lles prestaban para poder utilizalos ese ano e devolvelos ao seguinte curso e agora esa realidade xa non existe”. E subliñou que “nós o que pretendemos é seguir con ese sistema, que consideramos que é xusto e necesario, e que ademáis fomenta moitos valores. Si se considera adoctrinar falar do que realmente pasa, síntoo moito, iso non é unha ideoloxía do BNG, senón da xente, é un sentir popular que hai”.