A edil nacionalista subliñou “o bo posicionamento que está a ter a nosa web turismo.ribadeo.gal debido ás numerosas consultas que recibe de viaxeiros para preparar a súa viaxe, rumbo a Ribadeo. Esas persoas posiblemente non demanden información nas oficinas de turismo do noso concello. As cifras, en total, son similares ás rexistradas en anos anteriores”.

Ana Martínez indicou que “o turismo internacional acadou neste mes de xullo o 14% dos visitantes chegados a Ribadeo. Trátase dun máximo histórico. Son cidadáns procedentes de Francia, Alemaña, Reino Unido e Italia, pero tamén chegan desde Polonia, Arxentina ou mesmo Australia. Este é un dato moi bo sobre a posición de Ribadeo como destino turístico, que cada vez está máis internacionalizado”.

Dentro do territorio español os que máis elixen Ribadeo para pasar unha parte das vacacións son os procedentes de Madrid e Castela-León, “e moi significativo é este ano o aumento dos andaluces que se achegan ata a nosa terra e despois tamén de comunidades máis próximas como é o caso de Euskadi e de diferentes puntos de Galicia”.

A concelleira de Turismo sinalou que “cada vez son máis os peregrinos que escollen o Camiño Norte para facer esta ruta cara Compostela. Cada vez ten unha importancia máis significativa, quizais chegan tamén alentados pola súa declaración como Patrimonio da Humanidade e penso que iso aínda o pode facer máis atractivo. De feito 1.265 peregrinos pasaron por Ribadeo durante o mes de xullo. Isto hai que destacalo porque tamén se nos fai complicada a súa acomodación, xa que temos dous albergues. Un do Xacobeo que conta con só 12 prazas co cal debemos incidir na necesidade que ten Ribadeo, como porta de entrada a Galicia que é, para contar con outro albergue con máis capacidade. E o Concello contra con outro albergue, que dispón de 34 prazas, situado en Vilela”.

Martínez engadiu que a “Ribadeo chegan os visitantes de diversas maneiras e tamén o fan por mar. Segundo os datos que nos facilitan desde o Real Club Náutico de Ribadeo en xullo foron 151 as embarcacións que atracaron no porto deportivo, o que supón que chegaron arredor de 600 persoas por esa vía, polo mar, procedentes de Francia, Reino Unido e Holanda”.

Sobre a praia das Catedrais a concelleira de Turismo dixo que “a diferenza do que ocorría anos anteriores a xente concéntrase nas tres ou catro horas da baixamar. Outros anos estaba máis repartida. E na oficina de turismo alí instalada non demandan información sobre Ribadeo ou sobre A Mariña, o que piden agora son datos da baixamar, de cómo baixar á praia, sobre os pases que deben retirar, etc… o importante para eles é non deixar de baixar á praia, que na información do entorno. Outra cousa importante é o desvío dos aparcadoiros cara Barreiros, o que supón un punto de inflexión no xeito de chegada e de saída á praia das Catedrais”.

Ana Martínez tamén destacou a boa acollida que están a ter as xeorrutas que o Concello puxo en marcha o pasado 15 de xullo. “Máis de 1.000 persoas as realizaron esas visitas interpretativas do noso litoral, para a dar a coñecer toda a biodiversidade deste espazo, promovendo o coñecemento necesario tamén para a súa conservación, que coñezan a importancia biolóxica e medio ambiental da zona”. A xeorruta dos arcos é a que discorre pola praia das Catedrais é  e xeorrutas dos ollos é a que vai ata Rinlo.

A concelleira nacionalista incidiu en que “Ribadeo se consolida como referente turístico. Ribadeo é destino escollido polos visitantes para pasar unha parte das súas vacacións” e destacou a calidade dos hoteis e dos comercios dos que poden gozar todos os que visitan este concello.