A edil nacionalista sinalou que “rematado este ano 2016, e coa grata sensación de ter os deberes feitos, dende a Delegación de Turismo do Concello de Ribadeo tócanos facer balance do traballo e tamén unha análise para seguir cara a esa excelencia turística que pretendemos desde o Concello de Ribadeo”.

Ana Martínez subliñou que “durante o ano 2016 foron preto de 105.000 persoas as que se atenderon nas oficinas de información turística de Ribadeo, destas máis de 45.000 pasaron pola oficina de turismo do centro da vila e preto das 60.000 polo punto de información turística da praia das Catedrais. A deste areal hai que ter en conta que permanece aberta durante os meses de xullo, agosto e setembro a xornada completa, e as fins de semana de abril, maio, xuño e outubro. Destacar que os dous períodos álxidos en canto a número de visitas tanto no centro da vila como na praia das Catedrais, acadáronse precisamente nos momentos cruciais do turismo que son na Semana Santa e na tempada estival. Durante estes dous períodos de tempo recibíronse un total de 81.991 viaxeiros, deles a maioría son madrileños seguidos de cataláns, vascos, andaluces e castelá-leoneses. Son fundamentalmente as comunidades autónomas emisoras cara ao noso concello, isto representa un 88,3%, falando do turismo nacional”.

A concelleira de Turismo contou que “dentro do turismo internacional o número de visitantes máis alto acadouse o mes de maio, cun 26,4% na oficina de Ribadeo no centro da vila, e un 17% no punto de información na praia das Catedrais. Aquí temos que dicir que hai unha pequena variación entre as procedencias xa que no que é Ribadeo, no centro da vila, está influenciado fundamentalmente polos peregrinos de procedencia francesa e alemá”.

Martínez indicou que “houbo días de moita afluencia de xente acadándose nun só día, como foi o 9 de agosto, 785 consultas no centro da vila, e o 10 de agosto solicitaron información 1.035 persoas nas Catedrais. Isto repercute nun dato importantísimo que é a ocupación hoteleira, así durante este período podemos estimar que Ribadeo tivo unha ocupación hoteleira en tempada alta entre o 85% e o 100%. Creo que son cifras importantísimas para ter en conta tamén na actividade económica que se move no noso concello”.

A concelleira ribadense declarou que “hai outra cousa importante que eu quero salientar e tamén sobre a que estamos traballando, que é o turismo organizado, o turismo de grupos. Temos un incremento importantísimo neste tipo de turismo e é importante porque concéntrase sobre todo nos meses que van de abril a outubro, axudando a desestacionalizar un pouco, a que non se concentre todo na tempada estival ou na Semana Santa, que é unha das demandas importantes do sector en Ribadeo. Durante o 2016 foron 331 os grupos que as nosas oficinas puideron contabilizar, sendo setembro o mellor mes neste tipo de turismo con 72. Eu penso que a xente que se pasea pola zona do Cantón e o parque San Francisco pode case a diario durante estas datas ver como se moven diferentes grupos con guías que están visitando Ribadeo, e que hai uns anos practicamente non víamos a ninguén”.

Para Ana Martínez “en canto a este tipo de turismo, o gran reto que temos para o 2017, creo que é unha cousa importante, desestacionalizar, e imos intentar que o turismo de grupo elixa como destino base o noso concello. Para iso fai falta traballar, e temos pendente unha labor de comunicación para informar do noso potencial de acollida que ano a ano se vai incrementando. Hai pouco tempo comentou o alcalde que están en marcha preto dun cento de novas prazas de aloxamento coa creación dun novo hotel, uns apartamentos turísticos e un cámping na zona de Rinlo, así como tamén temos a ampliación dalgúns establecementos hoteleiros que xa están a funcionar de maneira importante na nosa vila”.

A concelleira de Turismo seguiu a relatar que “ademais do que é o turismo organizado, do turismo familiar, do turismo un pouco máis aberto, falamos doutro tipo de turismo que en Ribadeo inflúe moitísimo e que cada ano está a destacar máis, como é o caso do Camiño de Santiago e os peregrinos. Segundo os datos da oficina de acollida aos peregrinos que hai pouco se deron a coñecer, este ano en Santiago acadáronse unhas cifras históricas respecto ao número de peregrinos que recorreron o camiño de Santiago e concretamente foron 17.321 os que elixiron o Camiño Norte como vía de peregrinación a Compostela”.

Martínez indicou que “o Camiño Norte estase a converter nunha boa alternativa ao Camiño Francés para todos aqueles camiñantes que buscan fuxir desa masificación que supón xa peregrinar a través do Camiño Francés. Temos que dicir que aquí o número de pernoctacións que se deron nos albergues públicos, que ademais non contan con moitas prazas, así pois estiveron practicamente cheos durante toda a tempada, foi preto de 4.000. Isto sen ter en conta os que elixen os establecementos de hostalería privados, que entre todos suman unha cifra considerable durante todo o ano. Foi agosto o mes máis concorrido”.

A edil ribadense manifestou que “os anos que levamos de promoción turística dan lugar aos seus froitos. Falamos de traballar cos medios de comunicación, de campañas que fixemos a nivel promocional de FITUR como foi o Ribadeo xq sí, ou a propia páxina web de turismo, que leva varios anos traballando”.

Ana Martínez quixo “agradecer o traballo de campo das persoas que están nas nosas oficinas de turismo. Creo que esta xente durante todo o ano traballa dunha maneira concienzuda, cree realmente na posibilidade do turismo de Ribadeo, e elas son unha parte moi importante deste éxito que ano a ano imos colleitando no Concello de Ribadeo. Elas son as que poñen a Ribadeo no mundo global do turismo e mesmo temos que salientar este ano que tamén estamos no escenario cinematográfico con varias películas internacionais que viñeron gravar escenas aquí a Ribadeo”.

E tamén aludiu a que “Ribadeo ten unha importante oferta turística durante todo o ano, falamos de xeorutas, de Rinlo, de tapeo, da festa indiana, así como complemento importante como é a programación cultural durante todo o ano, ou incluso falamos da organización de eventos deportivos que suman a que Ribadeo estea practicamente todo o ano con visitantes”.

Para a concelleira de Turismo “estes son obxectivos acadados, pero tamén temos obxectivos cara ao futuro porque somos conscientes de que aínda queda moito camiño, porque debemos percorrer xuntos e traballando de maneira global entre as administracións, os hostaleiros, o comercio, debemos traballar de maneira conxunta para acadar eses obxectivos cara a esa excelencia turística da que falamos. Eu penso que deberíamos seguir traballando e posicionarnos todos xuntos dentro do que é un dos mellores destinos turísticos. Esa excelencia turística, a desestacionalización, Camiño de Santiago, turismo de grupos e incremento de estadía media son algúns deses referentes que non debemos perder de vista se queremos que o turismo siga a ser un dos motores da economía de Ribadeo ao longo de todo o ano, e que ademais nos permita converternos nun destino imprescindible dentro de Galicia e xa por qué non falar do panorama nacional e internacional”.

A edil ribadense, responsable tamén da Área de Desenvolvemento Local e Comercio, dixo: “buscando acadar estes obxectivos é no que estamos a traballar para preparar a próxima visita a Fitur, onde intentaremos promocionar o produto turístico Ribadeo Eventos. Fundamentalmente este ano queremos traballar a desestacionalización, e a ver se somos quen de que se este ano tivemos máis de 300 grupos, o ano que ven aínda sexan máis e ademais formen parte dese turismo de congresos, e que durante todo o ano as diferentes asociacións, colexios profesionais, etc… busquen a Ribadeo para vir desenvolver as súas actividades”.

Ana Martínez pensa que “é unha oportunidade de alzar Ribadeo como unha sede no turismo profesional. Ese turismo de congresos está a ser o traballo fundamental que imos ter. Chegar a unha forte e ampla oferta nesta modalidade de turismo permitiría aproveitar unha nova veta do sector que complementa ese turismo de ocio, de verán, de peregrinación, familiar do que xa goza o noso concello e reforzar unha das actividades económicas de Ribadeo, como é a actividade turística e comercial. Eu penso que debemos deixar claro que Ribadeo ten capacidade de acollida suficiente para actuar como base de aloxamento para ese turismo de grupos que visita toda esta zona”.