O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fixo esta mañá un balance moi positivo do Mercado do Nadal de Ribadeo, que pechou as súas portas onte pola noite. O rexedor resaltou o éxito da cita “que atraeu a miles de persoas tanto deste concello como de outros da Mariña e de Asturias e tamén a moitos turistas, aínda que neste caso igual foron menos que noutros anos…”. Fernando Suárez comentou tamén que artesáns e artesás que participaron no Mercado lle trasladaron que o éxito de público foi particularmente notable o domingo, xornada na que, en palabras do alcalde “se rexistraron algúns momentos de certo colapso ou de bloqueo coa cantidade de xente que había na carpa, un sitio moi agradable para visitar”.

O Mercado de Nadal contou, entre outros atractivos, con postos de artesanía que fixeron as delicias de todos/as os/as que se aproximaron, así como con outras actividades programadas como o concerto do Coro Sagrado Corazón, obradoiros de xogos tradicionais, contacontos infantís e mesmo teatro.

O alcalde ribadense considera que, coa organización do Mercado de Nadal, o Concello de Ribadeo “cumpre co obxectivo que nos marcamos de dinamizar Ribadeo, traendo a xente ata aquí e facendo que esa xente faga compras non só no propio recinto do mercado senón tamén nos establecementos da nosa vila”.