O rexedor dixo que “debo facer unha valoración positiva do número de persoas que viñeron nestes días a Ribadeo. Segundo os datos que manexa a Área de Desenvolvemento Local e Turismo pola oficina de turismo da nosa vila pasaron 1.172 turistas, que é unha cantidade máis que respetable tendo en conta a climatoloxía adversa que tivemos durante algunhas xornadas e o contexto de crise xeral no que nos atopamos neste momento”.

Suárez Barcia sinalou que “polas novas comunicacións e por ter tramos da A-8 agora, ademáis dos visitantes do sur de Galicia, Madrid e Valladolid, con moita forza está a vir xente de Cantabria e do País Vasco. Unha grande porcentaxe escolle Ribadeo como destino final aloxándose polo menos dous días en hoteis ou casas de turismo rural. Estas persoas visitan, sobre todo, a praia das Catedrais, o porto de Rinlo, o casco vello de Ribadeo así como os diferentes miradoiros ou rutas de sendeirismo que temos coma ésta que se abría hai uns días”.

O alcalde indicou que “todo esta liña debémola enmarcar dentro destas actuacións que estamos levando adiante desde Turismo cos diferentes sectores de hostalería, hoteis, etc, a través de iniciativas coma o Ribadeo eventos. Neste caso tivemos unha serie de mesas sectoriais para abordar cómo nos implicamos de maneira máis atractiva para que Ribadeo siga a ser un foco de atracción non só en épocas altas, senón ao longo de todo o ano”. Fernando Suárez lembrou que “precisamente esta tarde vai haber unha nova xuntanza para pechar o deseño desta iniciativa, creada ao amparo destas mesas sectoriais, que se chama Soños gastronómicos e que pretende complementar a oferta do Ribadeo de tapeo. Os hoteis, a diferencia doutros anos, van participar poñendo prezos atractivos para a xente que veña disfrutar deste evento gastronómico que se celebrará do 18 ao 27 de maio”.