Ana Martínez dixo que “de novo e como todos os anos, a pesares do mal tempo que puidemos ter nesta ponte da Constitución, o Mercado de Nadal de Ribadeo estivo moi ben, con moita xente e moita participación. Foi un punto de encontro importante para que a xente se achegase a Ribadeo e non soamente ao Mercado, que tamén, senón que puidese facer parte das súas compras, ou iniciar as súas compras navideñas no resto do comercio local”.

A concelleira de Turismo sinalou que “en canto ao que supuxo o mal tempo, o domingo xa foi un día no que os artesáns tiveron que recoller por mor desa cicloxénese que se anunciaba, pero o resto dos días houbo unha participación similar a outros anos. Todo o mundo marcha contento e pedindo volver a este Mercado de Nadal de Ribadeo, e creo que iso reflicte claramente o que supón”.

A edil nacionalista subliñou que “estamos satisfeitos a pesares do tempo e de que nalgúns momentos tivemos que anular algunhas das actividades que tíñamos programadas como foi o caso do domingo, pero aínda así e sempre dentro das nosas posibilidades, porque as climatolóxicas non as podemos gobernar, estamos contentos”.

Martínez indicou que “durante esta ponte a Oficina de Turismo do centro de Ribadeo abriu todos os días, en horario normal de mañá e tarde. Un dato importante é que tivemos unha consulta de visitantes moi superior a outros anos, de feito con referencia ao ano anterior, foron 334 persoas máis as que pediron información na Oficina de Turismo, e xa no anterior foron unhas 239 máis que no 2015”.

A responsable de Turismo concluíu o balance manifestando que “en Ribadeo durante esta ponte de decembro houbo moita xente, moita dela ven pola praia das Catedrais, pero supón que está vindo a Ribadeo, que está quizais pernoctando un pouco máis, aínda que é un traballo importante que temos que seguir facendo. O balance é moi positivo, e hai que seguir traballando para que precisamente fora da época estival a xente tome como referencia vir disfrutar, vir pasear e vir comprar a Ribadeo”.