Xavier Campos explicou que “un dos servizos que ofrecemos na OMIX é a creación de carnés xoves para todas aquelas mozas e mozos que están interesados en usar este servizo, mozos e mozas que deben ter entre 12 e 30 anos de idade. Ao longo de 2012 un total de 32 persoas se fixeron usuarias deste tipo de carné”.

O concelleiro nacionalista lembrou que “o carné xove ten un 25% de desconto para as campañas de verán da Xunta e ademais ofrece outro tipo de posibilidades que en xeral resultan de bastante interese en todo o que ten que ver con actividades de lecer, de ocio, cultura e demais”.

Campos indicou que “a OMIX tamén xestionou 49 bonobuses. Este foi un servizo que puxemos en marcha hai anos e que vai orientado aos universitarios de Ribadeo que estudan en Santiago, na Coruña, en Vigo, en Madrid… O que queremos con estes bonobuses é axudar a sufragar os gastos de desprazamento dos que habitualmente se teñen que facer cargo eses estudantes. Trátase dun sistema de bonos que o Concello concerta coas diferentes empresas de autobuses”.

O edil de Mocidade anima “a todos aqueles estudantes de Ribadeo nas universidades a que pregunten na Casa da Xuventude, na OMIX, por este servizo, polo seu custe e polos descontos que ofrece. O que queremos é informar á xuventude de Ribadeo destas dúas posibilidades que teñen ao seu servizo: carnés xoves e bonobuses para estes 2013”.