A edil nacionalista lembrou que “este verán no Concello presentamos varias iniciativas que buscan ligar o turismo co sector económico e empresarial da nosa vila e do noso concello. Buscamos que non só cheguen viaxeiros senón que atopen actividades que lles permitan quedar máis tempo en Ribadeo e na nosa comarca no seu conxunto”. Martínez dixo que “como novidosa presentamos a credencial do viaxeiro da que se repartiron máis de 1.500 desde a súa posta en marcha. O que pretendíamos é que o viaxeiro que chega á praia das Catedrais volte a Ribadeo e coñeza o noso litoral pasando por Rinlo, polo faro da Illa Pancha, etc, e que participen nas actividades que atoparán na nosa vila”. O equipo de goberno valora de xeito moi positivo “a atención turística en Ribadeo, tanto no que se refire a infraestructuras coma a persoal. Este ano melloróuse o punto de información turística das Catedrais e contamos con catro persoas, unha máis que o ano pasado, grazas ao convenio asinado coa Deputación de Lugo”. E subliña que “a oficina de turismo de Ribadeo é das mellor e máis atendidas da comarca, porque está aberta durante todo o ano”.

A concelleira de Turismo referíuse tamén ao bus turístico, “que foi un proxecto piloto que agardamos continuar no 2013. Segundo nos di a empresa que realiza o servizo quedaron satisfeitos. A mesma empresa é que leva o bus praia, que xa está perfectamente consolidado en Ribadeo e que cada ano ten máis usuarios, tanto viaxeiros como ribadenses que elixen este medio para achegarse ás nosas praias. Dentro desta promoción coa iniciativa privada contamos este verán co taxi turístico que ofreceu tres rutas: unha ao occidente asturiano para dar a coñecer unha serie de concellos que forman parte da Reserva da Biosfera, outra hacia Mondoñedo e a máis empregada foi a que levaba á xente a coñecer a praia das Catedrais e outros puntos de interés de Ribadeo. Falando cos taxistas dinnos que quedaron moi contentos e voltaremos contar con eles no 2013. Ademáis eles están dispostos a manter un taxi turístico durante todo o ano”.

O Concello de Ribadeo editou unha guía turística en catro idiomas. A primeira tirada foi de 10.000 exemplares e xa se repartiron 5.000. Esta guía está á venda en hoteis, librarías e oficinas de turismo. A edil de Turismo fai unha valoración moi positiva da súa acollida. A tamén concelleira de Desenvolvemento Local indicou que “o Mercado dos domingos está perfectamente consolidado en Ribadeo e neste 2012 medrou o consumo de produtos e tamén contamos con máis postos. Con este mercado o que potenciamos é o consumo dos produtos de proximidade, deses produtos locais e comarcais que moitas veces o viaxeiro descoñece e que agradece que lle poñamos na súa man a posibilidade de poder adquirilos. Como colofón final do que é o Mercado dos Domingos teremos o 30 de setembro a tradicional Feira da Horta, facendo unha serie de actividades lúdicas e de degustación dos nosos produtos”.

Ana Martínez manifestou que “si a todo isto engadimos citas como a festa do percebe ou da carne ao caldeiro a valoración que facemos é moi positiva e teño que agradecer o esforzo e o bó facer do comercio, da hostelería e de todo o sector empresarial involucrado na promoción turística do concello, xa que o traballo en rede e colectivo é o que nos pode axudar a salvar, na medida do posible, estes duros momentos”.