O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “afortunadamente este temporal de auga, de vento e de frío, que tivemos esta fin de semana e que realmente choveu moitísimo, non foi tan grave nas súas consecuencias como o de hai tres anos, cando tivéramos tantos problemas, tantas incidencias, tantos desbordamentos e que tanto mal fixera en practicamente tódalas parroquias do noso concello”.

O rexedor indicou que “sí que tivemos incidencias e estivo traballando o persoal do Grumir e da Policía Local de maneira moi activa, e singularmente o sábado, porque houbo algún pau de teléfono caído, algúns camiños atoados por algún desprendemento de terras, concretamente en Arante e en Covelas, a onde tivo que ir a pala municipal. Na rúa Muralla, de Ribadeo, houbo un pequeno desprendemento e estivo cortada todo o día do sábado por precaución por si ía a máis ou non. Tamén houbo cortes nalgunha vía provincial, como foi no caso de Porto polo asolagamento dunha parte importante desa estrada, o que facía perigoso circular en vehículos”.

Suárez Barcia dixo que “non choveu tanto como da outra vez, pero foi importante moita da limpeza de gabias que se teña feito en sitios conflitivos que deran moito traballo hai tres anos, como no caso dos Bestilleiros, onde se fixeron traballos importantes para evitar o desbordamento do río e que afortunadamente quedou todo nun susto e esperemos que sen maiores consecuencias. Polo tanto agora, a partir de hoxe mesmo, a brigada de obras do Concello segue traballando estreitamente co parque de maquinaria da Deputación de Lugo no arranxo, que xa estabamos facendo antes, dos camiños municipais das parroquias”.