O rexedor sinalou que “neste último día do ano, facendo valoración do que foi, teño sentimentos diferentes. Por unha banda desde o Concello podemos dicir que foi razoablemente ben. Tanto desde o punto de vista económico, porque estamos pagando aos provedores dentro do que marca a lei, que era algo que na historia recente, polo menos desde que eu son concelleiro, isto era algo imposible. E tamén neste ano, a pesar das dificultades, fóronse facendo obras de infraestruturas importantes como a rúa Ramón González, como unha serie de camiños amañados nas parroquias, o remate practicamente do pavillón polideportivo e incluso conseguimos o financiamento principal para facer a residencia de maiores”.

Para Fernando Suárez “isto contrasta coa situación na que se atopa a sociedade, que está moi preocupada pola falta de traballo, polo mal que o está a pasar moita xente. Pero en todo caso teremos que encarar con ilusión este ano que entra, o 2014, no que seguramente teremos lexítimas loitas e acordos coa Xunta de Galicia, traballaremos para que non repercuta na economía das familias a suba de Sogama polo tratamento do lixo, seguiremos traballando por un parque natural para a praia das Catedrais porque entendemos que beneficia a Ribadeo e tamén á Mariña. Pero o 2014 será o ano en que empecemos a construción da residencia de maiores e seguiremos traballando coas mesmas gañas, co mesmo empeño e coa mesma ilusión do primeiro día en que todos os meus compañeiros e máis eu tomamos posesión dos nosos cargos na Corporación”.

O alcalde ribadense quere transmitir “unha mensaxe positiva, como sempre, para todos, para que pasen un bo día de Fin de Ano. E unha  mensaxe tamén de ánimo, porque nunca choveu que non escampara. E que teñamos todos un bo e esperanzador ano 2014”.