O rexedor dixo que “este 2014 que se nos vai foi un intenso ano para moitas cousas positivas para o concello de Ribadeo, a pesares da situación de moitas familias que non o están pasando nada ben pola falta de traballo que desgraciadamente padecemos en Ribadeo e en todo o país. Pero, por destacar as cousas positivas que desde o Concello e o meu equipo de compañeiros e compañeiras e máis eu, como alcalde, estivemos a facer, penso que temos un balance realmente positivo, non soamente polo que sempre estamos atendendo nas parroquias ou polo noso empeño en reforzar e potenciar os servizos sociais, senón tamén por todas aquelas outras cousas que se foron conseguindo neste ano”.

Suárez Barcia subliñou que “neste 2014 conseguimos un pavillón polideportivo para toda a cidadanía propio dunha grande cidade para que así poidamos seguir impulsando o deporte base en Ribadeo, no que xa somos un referente a nivel galego. Pero tamén neste 2014, despois de moitos anos, de moito diálogo, de moitos problemas e obstáculos, por fin puidemos aprobar o plan xeral de ordenación municipal de Ribadeo, que está vixente desde hai poucas horas a todos os efectos e que sen dúbida vai marcar o futuro inmediato e dos próximos anos do crecemento e do desenvolvemento con rigor do noso concello, tanto da vila como das parroquias”.

O alcalde ribadense indicou que “tamén neste 2014 tivemos unha actuación inédita nos últimos anos, como é o inicio da construción e coas obras que están indo a bo ritmo da nova residencia de maiores de Ribadeo, a pesar dos paus nas rodas e dos problemas que a Xunta de Galicia puxo e segue poñendo sistematicamente. Pero, coa forza de todos, sen dúbida isto chegará a bo porto, como ten que ser”.

Fernando Suárez engadiu que “Ribadeo tamén neste ano 2014 foi noticia desde o punto de vista turístico por moitas cousas positivas, porque brillamos con luz propia neste universo do turismo e Ribadeo compite con localidades de moita máis poboación porque temos unhas paraxes magníficas, un comercio marabilloso e moitas cousas que facer. Hai unha actividade cultural impresionante, o que fai que moita xente non só na época estival senón ao longo de todo o ano se fixe en Ribadeo para vir pasar uns días. E iso, desde logo, é unha fonte de riqueza. O turismo é algo que era unha cousa menor e agora, día tras día, se está convertendo en algo de primeiro nivel”.

O rexedor tamén se referiu aos obxectivos para o ano que se estrea dentro dunhas horas: “pero non se trata soamente de mirar ao 2014, debemos mirar tamén ao ano que vén, o 2015. Debemos seguir traballando coas mesmas gañas e coa mesma forza neste treito final do mandato e debemos seguir sorteando e resolvendo os desafíos que nos veñen por diante, como esta falta insultante de compromiso da Xunta de Galicia e de cumprimento da súa palabra de financiamento da parte da construción da nova residencia. Pero, en todo caso, eu quero desexarlle aos veciños, as veciñas, a todo o mundo de Ribadeo e a todos os que viven en Ribadeo e a todos os demais que están escoitando e lendo esta mensaxe que teñan un bo remate de ano, que o pasen moi ben na compaña das súas familias. O ano que vén xa está aquí, petando na porta, e seguro que entre todos habémolo sortear positivamente e habemos facer que o 2015 sexa un ano cheo de ilusión, de esperanza e de traballo en común. Un saúdo a todos e a todas e feliz entrada de ano 2015”.