Fernando Suárez manifesta que “despois do remate das festas da patroa xa podemos dicir que conclúe o verán en Ribadeo e toca facer balance. No que ten que ver concretamente coas festas da patroa eu quérolle agradecer o traballo feito aos rapaces e rapazas da comisión, especialmente á súa presidenta, porque moitas veces tórnase un labor ingrato e sufrido”.

O rexedor ribadense aclara que “aínda que o Concello non as organiza directamente, si que as patrocina economicamente en parte e ademais autoriza os espazos públicos, ten que regular os horarios, os ruídos, etcétera; e son terreos complexos onde nunca chove a gusto de todos. Moitas veces é necesario regular dunha maneira un pouco máis drástica e este ano tivemos que facelo con algo de máis de dureza en canto a horarios e ruídos”.

Suárez anuncia que “pensamos no goberno municipal que compre a partir de agora, para o 2017, reformula e revisar o modelo de festas da patroa. Este chegou ata aquí, tivo os seus problemas, os seus inconvenientes e as súas cousas positivas, pero penso que todo ten que evolucionar. Debemos falar con persoas e colectivos para reformular a organización das festas da patroa. Igual hai que pensar en facer menos días, en abrir as festas a máis segmentos de idade e debater tamén sobre a localización”.

O alcalde salienta que “hai que valorar o traballo que se fixo ata este momento, pero agora compre mirar para adiante e falar con todo o mundo para tratar de que as festas de Ribadeo para o ano que ven sexan agradables e atractivas e que tal vez deban ter novos elementos de cambio”.

Fernando Suárez está “convencido de que entre todos, falando e dialogando, habemos chegar a consensos para lograr o mellor para o noso pobo, que é do que se trata”.