O edil ribadense subliñou que “Ribadeo estivo a tope de xente e de turistas durante esta Semana Santa. E unha da súas imaxes foi a da praia das Catedrais ateigada de xente, de feito durante tres días consecutivos colgou o cartel de completo. E tamén as rúas e os establecementos de Ribadeo rexistraron unha grande afluencia todos estes días”.  

Vizoso Galdo indicou que “deste xeito a oficina de turismo do centro de Ribadeo, recibiu durante a Semana Santa uns 1.142 visitantes. O día de mais afluencia foi o venres, 7 de abril, data na que pasaron unhas 224 persoas e o xoves 6 cun rexistro de 205 persoas. Ao Punto de Información Turístico da praia das Catedrais acudiron 2.827 persoas a realizar consultas. Os días de maior afluencia foron o venres 7 (con 721 persoas), xoves 6 (con 579 persoas) e o sábado 8 (con 464 persoas). En total unhas 4.000 persoas solicitaron información nas nosas instalacións durante este período que vai do 31 de marzo ao 9 de abril, durante o cal as dúas oficinas estiveron abertas de maneira continuada”. 

O concelleiro de Turismo contou que “a ocupación xeral de Ribadeo nos días centrais de Semana Santa roldou o 100%, o que supón unha cifra realmente histórica. Hai que destacar que aínda que a maior parte das visitas e das estancias se concentraron de xoves a domingo, tamén se experimentou unha elevada afluencia os días anteriores que non son festivos, o que demostra o atractivo de Ribadeo e que continúa a consolidarse como referente turístico da Cornixa Cantábrica galega”.

Pablo Vizoso seguiu a relatar que “coma nos anos anteriores, nestas datas a maior parte do turismo é de procedencia do resto do Estado, supoñendo entorno a un 92%. Si analizamos mais en detalle a orixe dos nosos visitantes podemos indicar que a maioría chegan desde Madrid, seguidos de Euskadi, Castela-León e Galicia. E polo que se refire ao turismo internacional está liderado por franceses na oficina do centro da vila e por alemáns na praia das Catedrais cun total de 211 visitantes estranxeiros entre ambas”. 

O edil nacionalista dixo que “en canto á modalidade de viaxe, sobresaen os que o fan en parella ou en unidades familiares compostas por 3 ou 4 membros desprazándose no seu  propio vehículo. No tocante ao Camiño de Santiago a Semana Santa supón a primeira fronteira da tempada alta e polo tanto vese incrementada a afluencia de peregrinos. Así ao chegar o Xoves Santo os albergues percibiron unha maior intensidade de paso de peregrinos do mesmo xeito que o experimentou o resto do sector turístico”.

Sobre a ocupación hoteleira indicou que “despois da consulta realizada entre os establecementos hostaleiros podemos estimar que a ocupación hoteleira durante os días centrais da Semana Santa roldou o 100% (xoves, venres e sábado) e durante o resto da semana se situou entre o 80% e o 85%. Con respecto ás Catedrais o Punto de Información Turística do Concello segue a ser interpretado como o punto de control de acceso á praia por ser a infraestrutura con función informativa máis visible do lugar. A praia esgotou as autorizacións o xoves, o venres e o sábado. E o domingo quedaron libres tan só arredor de 900 prazas”.

Vizoso Galdo engadiu que “o Concello de Ribadeo organizou unha serie de actividades moi intensas durante esta Semana Santa, entre as que destacan as visitas guiadas polo Ribadeo Indiano e polo Ribadeo Ilustrado, que se completaron todos os días, e as Xeorutas dos Ollos e das Ría tamén colgaron o cartel de completo”.