O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, descubría esta mañá o baixorrelevo que xa loce no porto de Porcillán en homenaxe a Leopoldo Calvo-Sotelo y Bustelo, o que fora presidente do Goberno, alcalde honorario, fillo adoptivo e Marqués da Ría de Ribadeo. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, ademáis de alcaldes da Mariña e do Occidente asturiano, deputados e senadores.

O rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez, dixo no seu discurso que “agás as obrigas derivadas do cargo don Leopoldo camiñaba polas nosas rúas coma un veciño máis” e destacou o seu amor pola ría de Ribadeo “non naceu nesta vila, tampouco fixo aquí vida cotiá, pero sí soubo abrirse un oco entre nós; quen sabe se levado polo engado do Ribanova do seu pai, ao mellor pola bravura do nordés ou a loucura calorosa do envolvente vendaval; desde logo que seguro atraído pola maxia das nosas rúas, do vello Ribadeo, do enfeitizo dos arcos da praia das Catedrais e do misterio da dos Castros e das Illas, e o acubillo da de Rocas Brancas. As sendas entre o Eo e o Navia, a praia de Arnao, a singularidade de Castropol ou A Veiga, tamén tiveron un oco no seu pensamento”.

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, salientou que Calvo-Sotelo foi sempre o mellor embaixador de Ribadeo, da comarca da Mariña e da provincia de Lugo polo mundo. Despois interviu Víctor Calvo-Sotelo que agradeceu as aportacións económicas realizadas polos veciños de Ribadeo, por amigos da familia e mesmo polas institucións para costear a baixorrelevo que lembra ao seu pai no porto de Porcillán. Víctor Calvo-Sotelo incidiu no amor que o seu proxenitor sentía pola ría pola que navegaba de xeito habitual no seu Juanín, un amor que lles inculcou tamén aos seus fillos e aos seus netos. E o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pechou o acto aludindo á amistade que mantén coa familia de Leopoldo Calvo-Sotelo, en especial cos seus fillos Víctor e Leopoldo; destacou o papel que o ex presidente tivo na democracia e fixo unha comparación entre o Marqués de Sargadelos e o Mar qués da Ría de Ribadeo, ademáis de adicar unhas palabras aos netos do que fora alcalde honorario desta vila.

Así remataron en Ribadeo dous días de actos organizados en homenaxe do máis grande embaxador que tivo Ribadeo, Leopoldo Calvo-Sotelo y Bustelo.