Suárez Barcia sinala que “é autenticamente lamentable é actitude da Consellería de Sanidade coa sanidade pública, coa Mariña de Lugo e neste caso con Ribadeo, porque si ben Ribadeo segue a medrar nestes últimos anos, o persoal medico que hai aquí segue baixando. Anteriormente amortizouse unha praza de enfermería e outra de admisión e agora unha praza de médico. Trátase dunha persoa que se atopaba en situación de incapacidade temporal e que agora está transitoriamente nunha incapacidade permanente, pero iso non é obxecto para que a Consellería de Sanidade elimine esa praza mandando todas esas cartillas aos outros médicos que quedan”.

Para o alcalde de Ribadeo “o que están a facer desde a Xunta de Galicia é precarizar a calidade asistencial deteriorando a sanidade pública e abríndonos a todos a porta para que vaiamos á medicina privada e de pago. Isto último significa abrir unha vía para que os que teñan diñeiro poidan pagar eses médicos e os que non o teñan acudan a un sistema cada vez máis masificado e precario”.

Fernando Suárez pensa que “desde o Concello de Ribadeo o sentimento debe ser unánime e así o imos manifestar no seguinte pleno ordinario que fagamos dentro duns días. Imos requerirlle á Consellería de Sanidade que de xeito inmediato volva establecer esta praza de médico no centro de saúde ribadense, unha praza que durante moitos anos tivo Ribadeo contando con moita menos poboación da que ten na actualidade. Non imos consentir que se precarice a sanidade pública e que se precarice a calidade asistencial dos nosos veciños e das nosas veciñas”.