O edil Pablo Vizoso subliñou que “Compra agora e goza despois resume a razón de ser desta iniciativa. A cidadanía poderá apoiar ás súas tendas e establecementos favoritos, dándolles liquidez nestes momentos tan complicados, coa compra dos bonos prepago que estes nos ofrecen. Cada bono levará un desconto, que a clientela poderá disfrutar unha vez vaian abrindo os establecementos adheridos á campaña”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local sinalou que “un dos obxectivos fundamentais de #AxudémoNOS, é sensibilizar á poboación da importancia de consumir en clave local, pois a sostibilidade de moitos negocios desta bisbarra depende da nosa implicación e concienciación á hora de comprar nas nosas vilas para mantelas vivas. De aí que os bonos prepago se denominen #BonoaxudémoNOS. Estes bonos poderanse adquirir tamén como bonos regalo”. Pablo Vizoso anima “á poboación ribadense a regalar #BonoaxudémoNOS a través dos cales estaremos agasallando vida e futuro. Sendo este un regalo perfecto para estes días”.

O edil ribadense explicou que “a esta plataforma poderán adherirse gratuitamente todos os negocios de Ribadeo, que neste momento se atopan pechados por causa do Covid-19 de sectores coma hostalaría, restauración, comercio, profesionais todos/as. Para iso deberán cubrir toda a información solicitada no formulario que atoparán na sección de Son Negocio da páxina web de AxudémoNOS Ribadeo”.

Vizoso Galdo engadiu que “con esta plataforma o Concello, tamén achega unha nova ferramenta que servirá para dar visibilidade aos negocios, creando unha comunidade local de establecementos, todos/as co mesmo fin manter vivo Ribadeo”.