O rexedor subliñou que “en ningún momento se deu dato algún dos beneficiarios das axudas, polo tanto a xente pode estar tranquila, salvo que se alarmen polo que di o señor Penabad, dando a entender que si se poden identificar. De todos os xeitos, posto en contacto cos servizos sociais municipais, dinme que no día de onte dúas persoas máis preguntaron por estas axudas, xustamente co mesmo problema da factura eléctrica, porque o viron na prensa. É dicir que de provocar algo, a noticia provoca un efecto chamada doutras persoas que están a pasar pola mesma situación”.

Para Fernando Suárez “o goberno central está en proceso de liquidación dos servizos sociais municipais coa nova lei de administración local, xa en vigor, na que lle quita estas competencias á administración máis próxima aos cidadáns, que ademais é a que resposta con máis axilidade. De feito a Xunta contempla axudas por este tipo de situación, pero tarda máis de tres meses en resolvelas, entón esas persoas atópanse con que a luz lles foi cortada. Chamábanse axudas de emerxencia social e curiosamente a Xunta ven de cambiarlles o nome na Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, pasando a chamarse axudas de inclusión social, ¿terá isto algo que ver coa rapidez na resolución de expedientes?”. O alcalde ribadense engadiu que “falando de axilidade e resolución de expedientes ¿canto tempo está tardando a Xunta en resolver os expedientes de Risga?, estoume a referir a unha prestación que garante uns ingresos minimisimos en unidades familiares nas que xa é o último recurso. Pois o prazo vai máis aló dos 6 meses, e normalmente coinciden os expedientes de solicitantes de Risga e as familias con problemas para pagar os recibos”.

O rexedor  considera que “o goberno estatal está a subir a luz e defende que a baixa, baixa os salarios e din que soben, soben os impostos e din que pagamos menos, esa é a rara forma que teñen no PP de entender a crise e explicarlla aos que a padecen. Son os servizos sociais municipais os que constatan cada día como familias normais non poden acender a calefacción por non poder facer fronte aos recibos. Esa é a triste e crúa realidade coa que nos atopamos case a diario”.