O rexedor dixo que “con esta proposta que queremos presentar no seguinte pleno e que vai dirixida á Xunta de Galicia para o mantemento do servizo de axuda no fogar, este servizo que é tan importante para moitas persoas en todo o rural e en todo o ámbito galego e que estaba participado ata o de agora por aportacións do Concello de Ribadeo, dos usuarios, da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta”.

Suárez Barcia asegura que “co decreto que a Xunta ven de aprobar esta administración váise desentender absolutamente da axuda que nos viña prestando, xa moi minguada nos últimos tempos, e non vai aportar nin un só euro para este servizo. Hai que salientar que o servizo de axuda no fogar básico ou de libre concurrencia é ese servizo ao que acuden persoas con problemas de desestructuración familiar, de casos de enfermidade aguda despois dun alta hospitalaria ou mesmo persoas en situación de dependencia, que aínda non están valoradas… en Ribadeo temos unhas 77 persoas que se benefician da axuda no fogar cun custe anual de 150.000 euros e no que a Xunta investirá este ano 0 euros”. O rexedor lembrou que no ano 2012 a aportación da administración galega en Ribadeo para o servizo de axuda no fogar foi de 43.900 euros, cifra que no 2011 descendeu ata os 13.000 euros e no 2012 será de cero euros.

Para o alcalde ribadense “isto é un auténtico despropósito e nesta situación atopámonos na provincia de Lugo todos os concellos de menos de 20.000 habitantes, concellos que excluíndo o da cidade de Lugo somos todos os demáis. A Deputación ao longo destes últimos anos estivo a subir a súa porcentaxe de participación, pero agora sería o único organismo que de xeito supramunicipal nos podería seguir botando un man, sen perxuizo de que os Concellos afectados teñamos que revisar á alza as tarifas que os usuarios pagan, e iso no mellor dos casos porque no peor teremos que reducir os servizos por non podelos soster”.

Fernando Suárez manifestou que “eu que sempre son bastante metódico á hora de elevar o tono contra a Xunta, quero neste momento dicilo ben alto e ben forte o auténtico despropósito que está a exercer esa administración nos servizos sociais, que está actuando contra a xente maior, contra a xente con menos recursos e que máis precisa do apoio das institucións. E tamén me podo referir á xente nova e ás garderías públicas porque hai poucos días que me enterei do que me parece xa o colmo do despropósito da Xunta, agora os responsables autonómicos prohíbenlles ás traballadoras das garderías, como pode ser a de Ribadeo que depende ao 100% da Xunta, que coman da comida que elas mesmas elaboran para os nenos e para as nenas dese centro”. E engadiu que “na actualidade a gardería ten unhas 120 ou 130 prazas, as cociñeiras elaboran a comida e agora non poden comer deses alimentos e teñen que traer a comida das súas casas. Paréceme moi pírrico o aforro e moi frugal esa política de recortes que, aparte de non conseguir nada no plano do aforro, está a desmotivar ás traballoras e da unha imaxe patética por parte da Xunta de Galicia e por parte dos seus responsables políticos”.

Na moción que o equipo de goberno levará ao vindeiro pleno “imos pedirlle á Xunta que siga cofinanciando os gastos que temos que asumir os Concellos de menos de 20.000 habitantes, que contribúa económicamente con estes servizos sociais comunitarios e que faga unha política social non baseada na caridade, que é o que están a facer últimamente os gobernos galego e estatal, senón que é un dereito que nos asiste a todos desde hai moito tempo, polo menos desde hai 35 anos de democracia”.