Na presentación da programación cultural deste trimentre a edil nacionalista sinalou que “como ven sendo habitual ao longo dos últimos anos imos facer atractiva a nosa programación cultural, trátase de potenciar o sector hostaleiro e do comercio para que a xente á nosa vila. Ese é a intención coa que facemos a programación cultural todo o ano, pero en especial na época estival”. Álvarez Lastra dixo que “tendo en conta os tempos nos que estamos é unha programación acaída aos medios económicos cos que contamos, pero dunha calidade excepcional ao igual que nos últimos anos e a maior parte das actividades serán gratuitas para que todo o mundo poida disfrutar delas. Quixéramos facer máis actividades ao aire libre, pero debido aos medios técnicos que iso supón estarán máis concentradas no entorno do Cine Teatro e no auditorio municipal Hernán Naval”.

A concelleira de Cultura anunciou que ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro “haberá danza na rúa, teatro, música, actividades para os máis pequenos, etc. Convidamos a todos os que desexen coñecer máis desta programación cultural a que a vexan nos paneis informativos ou que se fagan coas axendas culturais que atoparán nas dependencias municipais e nos locais hostaleiros de Ribadeo. A axenda está adicada a Xavier Rodríguez Baixeras, ao que homenaxeamos hai pouco, entón nela van atopar unha serie de poemas deste escritor ribadense”.

Mariluz Álvarez Lastra subliñou que “a axenda cultural deste trimestre arrinca forte esta fin de semana. Ata o 13 de xullo estará aberta ao público no forte San Damián unha exposición de maquetas de Alfredo Sánchez e tamén temos exposicións nas dúas oficinas de turismo. Sonda Norte tamén ten moitas actividades esta fin de semana, tanto o venres coma o sábado. Na Escola de Música estáse a celebrar estes días un curso de jazz e o domingo ás 20 horas nas Catro Rúas ofrecerán o seu concerto de clausura ao aire libre, si o tempo o permite, e ás 21 horas o teatro La Barraca, que leva varios anos visitando Ribadeo, porá en escea a obra Los bobos de colegio de Lope de Vega. A entrada é totalmente de balde co que convidamos a todas as persoas que o desexen desde visitar exposicións, acudir a actuacións de música ou ver teatro que disfruten con nós e da axenda cultural que iremos desgranando”.

Na axenda cultural de verán de Ribadeo non faltarán o Festival Internacional de Música Clásica, que organiza a Fundación Eo Clásica;  a Mostra Folclórica Internacional; a mostra de teatro Daniel Cortezón, que acollerá a estrea da montaxe do grupo de teatro de Ribadeo; Mariñarte; e citas estritamente festivas e fixas todos os veráns son a festa da percebe de Rinlo, a carne ao caldeiro de Remourelle, a xira de Santa Cruz e este ano nace a recreación do traballo da malla nas Anzas, organizada pola asociación de veciños e veciñas.