O alcalde ribadense, Fernando Suárez, anunciou que “por fin nestes días están dando comezo estas obras importantes, estas importantísimas obras de mellora, acondicionamento e humanización da avenida da Ría de Ribadeo”. 

O rexedor dixo que “é un viario moi importante, un dos dous accesos que ten Ribadeo vila e que foi unha estrada convencional durante moitos anos, de paso case exclusivo de vehículos rodados, e a día de hoxe é unha avenida onde conviven moitos viandantes xunto cos vehículos. Isto moitas veces provoca unha serie de perigos porque non está adaptada a un espazo máis humanizado e máis urbano, que é o que pretendemos levar adiante con este proxecto”.

Fernando Suárez subliñou que “é un proxecto ambicioso, importante e custoso de máis de 380.000 euros adxudicados a unha empresa da Coruña, que se chama Sergonsa Obras e Servizos SL. Grazas, como sempre nestes últimos anos, á Deputación de Lugo que fai posible, con esta colaboración entre Concello e Deputación, que todos os veciños e veciñas da vila de Ribadeo poidan, dentro duns meses, acudir andando con seguridade a todos estes establecementos comerciais que hai nesta longa avenida da Ría de Ribadeo. Desde o Voar adiante hai gasolineiras, supermercados, talleres de reparación de vehículos e unha chea de actividades comerciais que a día de hoxe non teñen moi ben resolto o acceso peonil, si o acceso a través de vehículos, pero o que se trata, xa que toda esa zona dende hai máis ou menos catro anos é solo urbano consolidado, é darlle o nivel de humanización que se merece”.

O alcalde explicou que “con todas estas obras imos completar a rede de beirarrúas que faltan, imos poñer pasos elevados, imos mellorar a iluminación, darlle unha nova capa de rodadura a esta vía, soterrar tamén o cableado de media tensión que afea moito o panorama, e humanizar toda esta longa avenida con árbores e demais mobiliario urbano. O período de execución da obra vai ser desde estes días ata novembro”. 

Suárez Barcia confía “en facer as menos molestias posibles, aínda que xa sabe todo o mundo que cando hai obras hai molestias. Nunca é o mellor momento para facer obras, se é no inverno chove moito e se é no verán hai moita xente de fora, nunca é o mellor momento, pero as obras hai que facelas para logo poder presumir delas, para que logo quede ben e poidamos seguir presumindo de Ribadeo tanto na vila como nas parroquias”.