Fernando Suárez dixo que “o que máis nos satisface e o que máis nos enorgullece desta obra que levamos adiante, grazas ao compromiso outra vez máis da Deputación de Lugo,  foi o de garantir a seguridade sobre todo dos peóns que desde o centro de Ribadeo poidan vir, con comodidade e con seguridade, facer compras ou vir aos establecementos que hai nesta parte urbana de Ribadeo, que é a avenida da Ría de Ribadeo, en Vilar, pero que aínda que está configurada legalmente desde hai anos como unha parte urbana, de facto non o era”.

O alcalde lembrou que “era moi complicado vir andando ata esta zona, había que sortear multitude de obstáculos e biondas, que o facían moi perigoso para a circulación peonil”.

O rexedor ribadense explicou que “agora está humanizada, con nova iluminación, nova capa de rodadura, novas beirarrúas, con arborado, bancos e mobiliario urbano dunha maneira que calquera pode vir con comodidade, nunha cadeira de rodas ou unha persoa maior, sen ningún problema pode ir desde Dompiñor ata o centro de Ribadeo con total seguridade”.

Suárez Barcia engadiu: “eu quero no nome do goberno, e entendo que no nome da Corporación, agradecer á Deputación de Lugo este compromiso económico que fixo posible, xunto coa achega municipal, poder facer esta obra que quedará por moitos anos e que ten un recoñecemento social e popular marabilloso aquí en Ribadeo”.