O rexedor ofrece este sábado “un rápido paseo por algunhas das cousas que as mulleres e homes do goberno municipal estamos a conseguir para a veciñanza deste marabilloso Concello que se chama Ribadeo”. 

Á vez que lembra a campaña das Panchas: “saúde teñades e boa finde pasedes todas e todos e non deixedes de mercar nos nosos comercios coa nosa moeda local, a Pancha”.

No vídeo pódese ver  o inicio da construción de máis pistas de petanca ao pé da oficina de turismo “para cubrir a grande demanda deste xogo”. O avance dos traballos na ponte que une Ribadeo e Trabada, entre Piñeiro e Balboa, así como o remate da estrada dos Fornos, en Remourelle.

Tamén estes días continúa a eliminación da flora invasora “para plantar seguidamente vexetación autóctona e a recuperación da contorna do Cargadoiro”. 

As obras do carril bici na estrada do Faro e en Campoxurado son tamén protagonistas, xa que “logo de semanas de preparación nestas últimas xornadas inicióuse o aglomerado”. E segue avanzando a ampliación da Ponte de Feve, en Ove, “obras estratéxicas para Ribadeo que executa a Deputación”.