Suárez Barcia recoñecía que “para que Ribadeo poida contar finalmente cunha residencia de maiores moitas veces se torna máis complexo que facer os 100 metros obstáculo nunhas olimpíadas e digo isto porque afortunadamente hoxe pola mañá nos acaba de chegar a autorización autonómica, desde o punto de vista administrativo, que nos faculta para que poidamos iniciar a licitación das obras de construción dunha residencia de 44 prazas máis dúas de enfermería no noso concello”.

O alcalde subliñou que “isto ven dado, e volvo poñelo enriba da mesa, pola unidade sen fisuras que desde a Corporación Municipal de Ribadeo e desde o movemento asociativo veciñal estivemos dando e foi un exemplo durante todo este tempo e seguirao a ser, non me cabe dúbida, no futuro. Toca agora con esta luz verde da Xunta, e seguramente haberá máis pedras no camiño, iniciar cos técnicos do Concello e cos corporativos os trámites, en poucos días, para levar a pleno a licitación desta obra que está cifrada en practicamente 2.500.000 euros”.

Fernando Suárez lembrou que “a Deputación Provincial de Lugo nos deu 1.828.000 euros, dos que neste 2014 temos que ter executados e xustificados nada máis e nada menos que 1.028.000 euros. Agardo que a Xunta cumpra tamén coa súa palabra, aínda que se vaia demorando, de asinar os 500.000 euros comprometidos. É unha cantidade non demasiado importante, pero que achegándoa a esta cifra da Deputación farán posible a residencia de Ribadeo”.