Desde o CIM sinalan que “a violencia machista constrúese e ampárase na propia estrutura social, esténdese ao longo de toda a nosa vida como mulleres e aféctanos a todos os niveis: físico, emocional, psicolóxico, social… Vital. Por iso, consideramos a autodefensa como un elemento indispensable de protección e loita contra a violencia machista”.

Desde Igualdade e desde o CIM explican que “as estratexias de dominación, poden ser o corpo, a mirada, a definición, a intimidación e a agresión. É importante identificar as situacións de pre-violencia, xa que unha vez iniciada a violencia física, entrase nunha inercia progresiva de violencia que dificulta as posibilidades de parala. Se a situación de violencia física comezou só podemos utilizar elementos de contención para poder eliminar o perigo.Polo tanto, o mellor é actuar antes de que o exercicio da violencia sexa físico”.

E engaden que “a finalidade deste curso é saber responder a calquera ataque e/ ou agresión física así como recoñecer os indicadores de pre-violencia para poder atallala, ton de voz, a negación da propia identidade a eliminar o noso nome (utilizando o pronome tú, nena, rubia, morena, etc.), postura, espazo vital, comunicación non verbal agresiva ou invasiva.Traballaranse tanto técnicas físicas como elementos emocionais, psicolóxicos, relacionais… revalorizando as ferramentas que posuímos a nivel individual e colectivo, potenciando as nosas propias claves de seguridade, colectivizando e resignificando as nosas experiencias”.

O curso será impartido por Crysti Tojo, cinturón negro 3º Dan de Karate, cinturón negro 1º Dan de Goshin, Directora do Departamento de Arbitraxe da Federación Galega de Karate, Directora do Clube Deportivo Avalon Kai e por Mai Insua, Psicóloga e  Terapeuta Sexual e de Parella especializada en xénero. E terá lugar o 9 de abril de 16.00 a 19.00 horas no ximnasio do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros. As prazas son limitadas, polo que é preciso anotarse enviando un e-mail ao correo cim@ribadeo.org ou ben chamando ao 982 120 739.