Segundo explican desde o CIM “o pasado sábado, 9 de abril, desenvolveuse o curso de autodefensa para mulleres no que se contou coa participación de 31 mulleres de todas as idades, sendo máis da metade mozas de entre 14 e 26 anos”. O curso  foi impartido por Crysti Tojo, cinturón negro 3º Dan de Karate, cinturón negro 1º Dan de Goshin, Directora do Departamento de Arbitraxe da Federación Galega de Karate, Directora do Clube Deportivo AvalonKai e por Mai Insua, psicóloga e terapeuta sexual e de parella especializada en xénero. “Ambas teñen ampla experiencia o cal se notou no ambiente creado e no  bo clima de aprendizaxe que se xerou”, sinalan desde o CIM.

A Concellaría de Igualdade e o CIM indican que “a autodefensa  é un elemento indispensable de protección e loita contra a violencia machista. As estratexias de dominación, poden ser o corpo, a mirada, a definición, a intimidación e a agresión. É importante identificar as situacións de pre violencia, xa que unha vez iniciada a violencia física, entrase  nunha inercia progresiva que dificulta as posibilidades de parala. Se a situación de violencia física comezou só podemos utilizar elementos de contención para poder eliminar o perigo. Polo tanto, o mellor é actuar antes de que o exercicio da violencia sexa físico”.

E engaden que “a finalidade deste curso consistía en saber responder ante calquera ataque e/ ou agresión física como recoñecer os indicadores de pre violencia para poder atallala, ton de voz, a negación da propia identidade a eliminar o noso nome (utilizando o pronome tú, nena, rubia, morena, etc.), postura, espazo vital, comunicación non verbal agresiva ou invasiva. Traballáronse tanto técnicas físicas como elementos emocionais, psicolóxicos, relacionais… revalorizando as ferramentas que posuímos a nivel individual e colectivo, potenciando as nosas propias claves de seguridade, colectivizando e resignificando as nosas experiencias”.

Desde o CIM subliñan que “as participantes valoraron o curso de xeito moi satisfactorio e incluso nos pediron que se realizaran máis sesións”.