Suárez Barcia dixo que “este presuposto que se aprobou inicialmente na noite do venres, debo dicir que se aproba con moita tardaza, aínda que na primeira parte deste ano, antes das eleccións, o goberno municipal non dispoñía de maioría absoluta para poder aprobar os presupostos, tendo en conta que xa os do do exercizo de 2010 tiveron que ser aprobados por someterse a unha cuestión de confianza, dado que non contaban co apoio do pleno”. O rexedor sinalou que “agora, a pesares de telos sacado adiante tardíamente, témonos que poñer a traballar para aprobar en tempo e forma axeitada, é dicir a principios de ano, os orzamentos de 2012”.

O alcalde de Ribadeo réstalle importancia a que “éste orzamento, o de 2011, sexa o máis alto da historia porque ten dous elementos fundamentais que fan que se eleven e que noutras circunstancias ordinarias non voltará a ser así: conflúe unha anualidade moi importante destas obras da travesía, que están rematando agora e contemplan unha anualidade moi importante do pavillón polideportivo magnífico, que se está a facer en Ribadeo. Eses dous asuntos distorsionan para ben dito orzamento”.

O equipo de goberno pretende “ao igual que viñemos facendo nos últimos anos, que éste sexa un presuposto o máis austero posible no sentido de gastar algo menos do que se ingresa para poder ir saldando débedas do pasado, débedas de facturas que teñen que ir a recoñecemento extraxudicial e que tan só se poden ir aprobando e pagando si queda algo de remanente positivo”. O rexedor referíuse neste punto á oposición, “isto que parece obvio, tanto ao PP como ao PSOE parece que lles molesta, si realmente gastamos algo menos do que ingresamos critícannos por iso, si realmente decimos que a maioría da inversión ven de fondos externos e que temos que gastar poucos fondos propios tamén nos critican por iso, realmente entendo que teñen que facer o seu papel pero ás veces incluso se contradin. Por un lado din que temos moito de gastos correntes e logo o PP cuestiona por qué non consignamos os famosos 68.000 euros de gratificacións aos funcionarios, pois sinceramente porque non e non podemos dicir nada máis neste sentido”.

Fernando Suárez tamén aludiu aos servizos sociais, “que en políticas de servizos sociais gastamos bastante, sí que é certo porque hai que ter en conta que nos últimos catro anos triplicamos o persoal nesta materia para atender a múltiples servizos que antes non se estaban dando tanto en número de usuarios como na proporción de horas e na frecuencia de asistencia a esta xente. Si recortamos nas luces das festas da patrona, por exemplo, e seguramente recortaremos no alumeado de nadal, non queremos recortar ou quereremos recortar o mínimo posible en materia de servizos sociais”.

E engadiu que “tamén hai unha cousa que nos doe moito. O PP ás veces defende a capa e espada todo o que fan os seus compañeiros na Xunta sin repararse a pensar si isto ten razón ou non. Os populares critican moito que a Escola de Música sexa moi costosa para o Concello, e sí é certo porque a recadación de taxas non chega nin para o 20% do custo desta escola e será algo que no futuro teremos que revisar. Pero tamén é moi custionable a actitude que ten a Xunta de Galicia coa educación, xa que anualmente viña dando unha axuda de 17 ou 18.000 euros para a Escola de Música e este ano pasou a dar só 4.000 euros. Para iso hai recortes, pero para que a Xunta invista 40.000 euros na regata Transgascogne, para iso non hai recortes nin austeridade”. Suárez Barcia indicou que “iso foi algo do que debatimos neste pleno longo, que para ser un único asunto foi longo, pero tamén despuntamos algunhas das cousas que faremos no futuro inmediato recollendo unha suxerencia do PSOE de que moitos dos funcionarios non eran versátiles. Un dos criterios que manexa o goberno municipal de Ribadeo é darlle unha versatilidade a moitos postos de traballo dos funcionarios municipais para rendir cento por cento, como debe ser”.