Suárez Barcia dixo: “quixera trasladar á cidadanía que a partires de pasado mañá, mércores 1 de xullo, desde o Concello de Ribadeo imos abrir as portas para a atención presencial en xeral e imos deixar atrás o sistema de cita previa. Ao mesmo tempo pedímoslles á xente que vaia vir que veña se é realmente necesario, que se non é tan necesario pode facer consultas telefónicas ou pode utilizar a administración electrónica que está funcionando realmente ben, porque o que queremos é evitar aglomeracións”.

O alcalde explicou que “imos instalar uns sistemas de control no acceso e imos tamén establecer uns sistemas de sinalización. Logo, se vemos que a situación se fai insostible, volveríamos ao sistema de cita previa”.

Para Fernando Suárez “estamos nun momento moi difícil de equilibrio. Temos que buscar un acceso da cidadanía aos servizos básicos cunha certa normalidade, pero ao mesmo tempo temos que protexernos, porque de ter un repunte, de ter un contaxio, mesmo aquí no edificio municipal, levaría a que teríamos que confinar a unha gran parte dos traballadores do Concello, e iso sería unha pésima noticia para o Concello e para a atención dos dez mil habitantes que somos”.

O rexedor faille unha petición moi clara a toda a veciñanza e aos turistas: “dicirlle a todo o mundo, tanto aos que viven aquí, como aos que veñen a Ribadeo e aos que nos visitan, a toda a poboación, que temos que andar con moito ollo porque un repunte agora sería fatal para todos. Sei, e cónstame polo que vexo, que a xente está moi concienciada, pero tamén sei e me contan que hai xente que non o está tomando coa debida precaución. Polo tanto fago un chamamento sincero para que entre todos nos protexamos a nós mesmos para protexer á nosa sociedade, porque insisto en que un repunte nesta época estival sería fatal para a nosa sociedade, desde o punto de vista económico e social. Así que por favor todo o mundo que extreme as precaucións para intentar facer unha vida o máis normal posible”.