O rexedor explicou que “xa nesta nova fase 2, entre outras cousas, desde o Concello de Ribadeo queremos facilitarlle a vida e a relación aos cidadáns que teñen que vir facer trámites ao Concello. O teléfono e a administración electrónica seguen sendo os medios preferentes para contactar con nós para resolver os problemas ou para consultar as dúbidas que poidan ter. Cando isto non sexa posible así e haxa que ter unha atención directa e personalizada, pregámoslle á cidadanía que pida cita previa, chamando por teléfono e daráselles un día e unha hora para que veñan”.

Suárez Barcia dixo: “pregaremos que toda esa xente teña puntualidade para que non poida haber demoras e as consultas poidan ser o máis dilixentes posibles, e ao mesmo tempo pregarémoslles que todo o mundo adopte as medidas de seguridade de distanciamento físico, que veña con máscara, etc…, e se no teñen medios, se non teñen esa capacidade, aquí lles ofreceremos estes sistemas de protección, ben sexa con máscara, con hidroxel, etc…”.

O alcalde de Ribadeo lembrou que “seguen as recomendacións médicas e sanitarias ás que todos nos temos que ir adaptando nesta nova normalidade un tanto difícil, pero temos que encarar todo isto con positivismo e mirando para adiante, pensando que o máis duro foi quedando atrás”.