O rexedor dixo que “foi unha barbaridade cometida por un bárbaro. Desde o goberno municipal, desde a Alcaldía e desde a institución que é o Concello de Ribadeo despois de falar con todos os portavoces dos diferentes grupos coincidimos no mesmo. É triste e lamentable que a vítima do ataque sexa precisamente o barco co que navegou tantas veces pola ría Leopoldo Calvo-Sotelo, unha persoa moi vinculada a Ribadeo pero tamén a Asturias, unha persoa que sempre contribuíu á unión entre ambas marxes da ría”.

Para Suárez Barcia “isto ten claros tintes xenófobos. Vir a Ribadeo a poñer galegos de merda por un costado da lancha e por outro poñer Ría del Eo indica desde logo uns tintes xenófobos, ademais de ser un atentado público e un ofensa a nós como galegos, tamén aos que sendo asturianos de nacemento son hoxe en día galegos de adopción, toda esta xente que vive entre nós e con nós. Penso que tamén isto significa un acto de ofensa para toda esa xente”.

O alcalde ribandense sinalou que “os galegos temos defectos e temos virtudes, pero somos totalmente contrarios a todo o que se pon aí: non somos galegos de merda, porque temos moitas virtudes, que entre outras son a perseveranza, o traballo, o respecto polos demais. E quero dicir que absolutamente todo o mundo está hoxe abafado, tanto galegos como asturianos”.

Fernando Suárez subliñou que “Ribadeo sempre se caracterizou, e así o vai seguir facendo desde logo, por ser un pobo diverso, plural, de sempre foi un lugar aberto, hospitalario, progresista e tamén, como non, orgulloso da súa historia e das súas tradicións. Eu teño claro que a inmensa maioría da sociedade así o entende, pero sempre quedará algún elemento illado, ben aguillado por algún líder local ou por algún medio de comunicación que tan só buscan a polémica porque non teñen outra cousa que aportar á sociedade. Polo tanto isto é consecuencia directa da alimentación de polémicas estúpidas e estériles sementadas ao longo destes últimos tempos e que en Ribadeo desde logo nunca alimentamos nin vamos contribuír a facelo”.

E engadiu que “Ribadeo sempre recibe cos brazos abertos a todo o mundo, pero quero dicirlles tan só a estas persoas que están alimentando estas polémicas estériles e estúpidas que non ofende quen quere senón quen pode”.