O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “desde hoxe e ata o 29 de setembro está aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de inverno do Concello de Ribadeo. As nenas e os nenos poderán practicar deportes como atletismo, baloncesto, fútbol, fútbol sala, hoquei liña, natación, pádel, patinaxe, tenis, tenis de mesa ou ximnasia rítmica”.O edil ribadense subliñou que “se trata dunha ampla oferta entre a que poder elixir. O pagamento da matrícula, que son 60 euros por escola, poderá realizarse ata o 16 de outubro. Poderán matricularse todas as nenas e os nenos nados entre os anos 2010 e 2019 ambos incluídos”.Silvent dixo que “nas escolas con límite de prazas realizarase un sorteo entre os inscritos o día 3 de outubro. Terán preferencia as nenas e os nenos empadroados ou escolarizados en Ribadeo. O inicio das escolas terá lugar entre o 18 de setembro e o 14 de outubro e o remate entre o 18 de maio e o 14 de xuño”.

No acto de presentación das escolas deportivas de inverno participaron o alcalde, Dani Vega, os concelleiros de Deportes e Obras, Francisco José Silvent e Diego Dos Santos, e o técnico de Deportes, Iván López.