Begoña Sanjurjo anima a visitala e a participar nas súas propostas.

galego orgullo da nosa lingua

Ata o 26 de maio estará en Ribadeo a mostra itinerante Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir, impulsada pola Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes.

Orgullo da nosa lingua recolle algunhas das peculiaridades e trazos de identidade do noso idioma e da súa evolución co obxectivo de promover o galego entre todos os sectores da poboación. Aborda temas como a riqueza toponímica de Galicia, a abundancia do noso refraneiro, as variedades dialectais, as numerosas palabras que temos para falar da choiva ou as moitas formas diferentes de chamarlles aos mesmos peixes.

Ademais, o público poderá acceder tamén a premios a través dun código QR dispoñible en cada un dos paneis da mostra respondendo a un cuestionario sobre a lingua galega e entrando no sorteo de lotes sorpresa, que poderán incluír agasallos como entradas para espectáculos, camisetas, bolsas e moito máis.

A concelleira de Cultura e Educación, Begoña Sanjurjo, anima “á veciñanza a tentar completar algúns paneis como por exemplo Palabras tan nosas, seguro que se lle ocorren moitas posibilidades. Eu incorporaría pitín sen dubidalo e tamén barruzo e ballón, no panel da chuvia por suposto”.