O alcalde ribadense manifestou: “vemos desde o goberno municipal, con certa incredulidade, as críticas que ultimamente nos fan os portavoces do PP de Ribadeo, cada vez con menos peso, cada vez con menos argumentos e cada vez máis hilarantes. A última é que nos cuestiona que non se celebrou o mercado semanal onte porque era o Día de Galicia”.

Suárez Barcia explicou que “hai determinados días ao ano que deben ser festivos. O primeiro de xaneiro, o Día Nacional de Galicia, ou o primeiro de maio son xornadas en que as actividades deben parar tamén por respecto aos traballadores. Polo tanto non sei exactamente o que perseguen desde o Partido Popular máis que falar por falar”.

O rexedor cre que “o que lle podían dicir aos seus responsables e amigos da Xunta de Galicia, que tan prestos están para criticarnos todas as cousas que facemos desde o Concello de Ribadeo, o primeiro que dunha vez por todas desbrocen a ruta da costa, que lles corresponde a eles e xa van tres veces que os levamos avisando, dígoo porque non sei se cando acabe o verán vai ser xa necesario que desbrocen nada. Ao mesmo tempo dicirlles que cumpran todos os acordos que tíñamos tomados no pleno da Corporación para que se comportaran como se merece con Ribadeo, por todas estas inversión pendentes de abastecemento de auga, de saneamento, que agora están perdidas e agora non se abre a boca por parte do portavoz do PP desde que no pleno da Corporación lle pedimos esa colaboración á Xunta de Galicia”.

Fernando Suárez engadiu que “polo resto me parece que é falar por falar, non ter nada solvente polo que criticar, e non sei se atendendo ás redes sociais, ou a circunstancias un tanto pintorescas se dedican a facer este tipo de oposición. Animalos a que sigan así porque van moi ben encamiñados”.

O alcalde tamén lembrou as críticas dos populares sobre a rúa San Roque: “primeiro non ía estar e despois, cando viron que ía estar, que a ver como quedaba. É dicir, é pintar o ridículo o que están facendo ultimamente. Si se dedicaran  a traballar e deixaran de enredar ganaban moito máis”.