O concello de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, contou que “nas últimas horas presentouse no reitorado da Universidade de Santiago de Compostela o proxecto A astronomía ao alcance de todos, que será financiado polo Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía e será dirixido polo director do observatorio astronómico Ramón María Aller, José Angel Docobo”.

O edil nacionalista subliñou que “o de Ribadeo é o único concello da provincia de Lugo que participa xunto con outros seis de Galicia neste proxecto. En Ribadeo haberá un cursiño de verán no observatorio da Casa da Ría, tamén se realizarán actividades docentes con algún colexio, actividades astronómicas en dúas parroquias e dúas observacións no mes de xullo na praia das Catedrais. As datas previstas para ditas observacións nese areal son os días 17 e 18 de xullo”.

Cupeiro lembrou que “hai uns anos José Angel Docobo tróuxonos a Ribadeo tamén un curso sobre estímulo de talentos matemáticos, e por iso desde o Concello pretendemos que os nenos e nenas se ilusionen co mundo das matemáticas, da física e da astronomía e que os maiores poidamos entender un pouco máis do mundo celeste”.
O concelleiro de Medio Ambiente tivo palabras de agradecemento para José Angel Docobo “polo esforzo que fixo e que fai sempre que pode por Ribadeo”.