Dentro do programa Astronomía ao alcance de todos, que están a levar adiante o Concello de Ribadeo e a Universidade de Santiago de Compostela, este mércores, 14 de maio, haberá unha actividade astronómica no colexio Sagrado Corazón e para a noite, a partires das 23 horas, hai programada unha observación no porto de Rinlo, que está aberta a todas as persoas que desexen acudir.

O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro sinalou que “despois tamén faremos outro día a mesma actividade no colexio Gregorio Sanz e a observación na parroquia de Remourelle. Xa avisaremos con antelación para que poidan asistir todos os veciños que queiran doutras parroquias.Trátase de observacións abertas a todo o mundo para disfrutar desa astronomía ao alcance de todos. Hai moita xente que nunca mirou a través dun telescopio e así poderá facelo grazas a este programa”.

Por outra banda, a Concellaría de Medio Ambiente entregará o vindeiro xoves, 15 de maio, os 55 composteiros ás veciñas e aos veciños de Ribadeo que participarán nun programa da compostaxe doméstico, que levarán adiante o Concello e Sogama. Horacio Cupeiro subliñou que debido ao éxito que está a ter a iniciativa e á lista de espera existente xa foron solicitados outros 25 composteiros para Ribadeo.

O edil nacionalista explicou que “dado o grande éxito que tivo o programa de compostaxe caseiro que realizamos o pasado 29 de abril en Ribadeo e dado que quedaron en lista de espera moitos veciños, desde o Concello solicitamos outros 25 composteiros. Xa nos contestaron que van satisfacer as nosas necesidades, polo que todas as persoas que vivan no periurbano de Ribadeo ou no rural poderán solicitalos”. Cupeiro lembrou que “todo isto traerá como consecuencia o envío de menor cantidade de quilos de lixo a Sogama e un beneficio de nutrientes para as nosas hortas. Todas as persoas que queiran solicitar composteiros poden facelo chamando ao Concello e seguiremos unha rigorosa orde de inscrición”.

O concelleiro de Medio Ambiente indicou que “o vindeiro xoves, 15 de maio, de 11:30 a 12:30 horas farase entrega dos primeiros 55 composteiros ás persoas que asistiron ao curso. Agardámolos alí, detrás da Casa da Mar, que é onde temos os composteiros”.

E Cupeiro amosouse moi satisfeito da acollida e do éxito que tivo o Xeolodía 2014, que se celebrou o pasado sábado en Ribadeo. A actividade levou por título As catedrais: pasado e futuro nas mans do Cantábrico. Os asistentes realizaron un routeiro guiado pola costa ribadense desde Piñeira ata As Catedrais. O Xeolodía foi organizado pola Sociedad Geológica de España e polo Concello de Ribadeo.