Suárez Barcia dixo que “os veciños de Ribadeo están asistindo estes días a unha intensidade de actos, de visitas de obras, de visitas institucionais que temos por parte da Deputación Provincial, da Xunta e do goberno do Estado, debe ser porque estes días remata o prazo para poñer primeiras pedras, inauguracións, etc”.

O rexedor sinalou que “hoxe recibimos ao presidente da Xunta, algo que nos alegra moito, que ven inaugurar a nova depuradora de Ribadeo. Xa era hora de que o señor Feijoo viñese por aquí, dado que estamos expectantes sobre o que nos poida dicir deses proxectos tan importantes para os veciños de Ribadeo, coma o centro de alzheimer, que está pendente de licitación, a segunda escola infantil, o saneamento de Dompiñor, que inexplicablemente leva parado dous anos e o albergue de peregrinos da rúa Trinidade”.

Para Fernando Suárez “quen bate récords de asistencia a Ribadeo nestes últimos días é o presidente da Deputación, o señor Besteiro, ao que imos ter que declarar fillo adoptivo. Alégrome de que hoxe veña dar comezo a esa obra que me prometeu hai un ano para aglomerar un treito do vial que une As Illas e Os Castros, pero lamento que teña que facelo a dous meses dunhas eleccións”. O alcalde de Ribadeo engadiu que “como isto non resolve todos os problemas que a Deputación ten con Ribadeo, debo lembrarlle en público o que hai uns días lle dixen por escrito en privado, o estado lamentable no que se están as pistas da Deputación, non só na que se vai traballar agora nin nunha en Vilaselán que se vai aglomerar para a vindeira semana, senón tamén na Devesa, en Porto, en Vilaosende, en Santalla, en Couxela e en Covelas. Eu son o alcalde de todos e non quero veciños de primeira e de segunda en Ribadeo e a Deputación non debe vir soamente a inaugurar un tramiño duns metros de aglomerado asfáltico, senón que ten que repasar todas e cada unha das pistas da Deputación, que están nun estado lamentable tanto nas parroquias do interior como nas da costa. En todo caso que sexan benvidos a Ribadeo, coma sempre”.