A concelleira de Turismo, Marta Saiz, contou que “moitos veciños e visitantes que estes días quixeron usar o ascensor atopáronse con el pechado. O motivo desta situación é unha avaría importante e o seu uso supón un risco considerable”. 

A edil ribadense dixo que “xa desde o inicio do verán detectamos en varias ocasións diversas avarías, debidas á falta de mantemento durante anos, que se foron subsanando na medida do posible, pero sempre con certo medo e temor a vernos na obriga de ter que pechalo”. 

Saiz explicou que “nesta ocasión estamos a falar dunha avaría moito máis complicada, trátase da rotura dun cable, debido ao uso e tamén a esa falta de mantemento á que aludía con anterioridade. Así que non nos quedou máis remedio que pechalo por seguridade”. 

A concelleira de Turismo subliñou que “agora estamos a avaliar os danos, analizaremos a situación e farase un presuposto. E desde o Concello de Ribadeo intentaremos resolver este problema o antes posible para que o ascensor poida volver a funcionar con normalidade”.

E engadiu: “pedimos disculpas polas molestias que se poidan ocasionar, pero a situación do ascensor é a que é e a seguridade é o primeiro”.