A axenda de actividades para o estío Ribadense ven cargada de ofertas culturais. Para comezar, unha serie de xornadas educativas organizadas polo Concello ilustrarán aos ribadenses sobre diversos temas. Os luns comezan as xornadas ambientais, que terán carácter bianual, segundo informou a concelleira de Cultura. Deste xeito, estas xornadas deixarán espazo no 2009 para as adicadas a patrimonio. Ademais, Medio Rural colaborará coa Universidade de Santiago de Compostela na organización do seminario de agroecoloxía, que se celebrará na granxa Pedro Murias.

Tamén haberá tempo para a historia local, nas xornadas que propón a Asociación Francisco Lanza, que se centrarán na francesada no 100 aniversario da ocupación. Como maior novidade, as actividades de “Mar por medio” terán lugar este ano no mes de outubro, segundo anunciou Álvarez Lastra. Ademais, o Xacobeo traerá a Ribadeo o teatro neste verán ao asilo de anciáns “para que os maiores tamén poidan disfrutar desta programación cultural”, en palabras da concelleira. A programación de verán rematará coa Mostra de Teatro Aficionado Daniel Cortezón, no que a Aula Municipal de Teatro estreará a obra a Casa de Bernarda Alba.

Artes plásticas e Visuais

No ámbito da pintura, a Concellaría de Cultura programou unha exposición do pintor ribadense Jesús Fernández Cancio, que se inaugurará o 2 de agosto na Casa de El Viejo Pancho. Para o 14 de agosto está prevista outra mostra no Forte San Damián denominada Percorridos. Está composta por obras de 36 artistas mariñáns e organizada polo Xacobeo. Esa mesma semana inaugurarase na Oficina de Turismo unha exposición do novo artista pontevedrés, Daniel Pérez.

Antes, na última semana de xullo, terá lugar a terceira edición do Festival Creativo de Curtametraxes On/Off. Álvarez Lastra asegura que esta actividade encherá Ribadeo de “xente moza gravando, implicando aos veciños e facendo unha actividade dinamizadora na nosa vila”.

Certame de Xóvenes Intérpretes e Festival de Música Clásica

Ademais, no eido musical esta fin de semana remata o I Certame de Xóvenes Intérpretes que se veu celebrando desde o pasado día 5 de xullo. A programación de concertos inclúe tamén a homenaxe a Hernán Naval, que a Federación Galega de Bandas e a Banda Municipal de Música protagonizarán o domingo no Auditorio Municipal. A axenda musical contempla concertos de música folk con grupos de Asturias e de Irlanda e a mostra folclórica internacional con grupos húngaros. Tamén está prevista unha nova edición do Festival de Música Clásica.

Ademais, espéranse concertos dos grupos locais e outros que ofrecerán Siniestro Total e Cornelius. O festival Musiqueo, pola súa banda, coincidirá coa celebración das festas patronais. Tamén os nenos de clarinete da Escola de Música participarán da festa, amenizando o pregón das festas do Carme.