O concelleiro de Medio Ambiente, Horario Cupeiro, definiu estas xornadas como “un foro de debate sobre a problemática actual que afecta ao medio rural e aos sectores forestal, urbanístico, turístico e medio mariño”. Segundo afirmou o responsable da área de Medio Rural, Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, “nestas xornadas tamén se analizarán as posibles solucións que se deberán adoptar para mellorar o desenvolvemento sustentable na comarca”.

As xornadas, que serán gratuítas e de portas abertas, desenvolveranse en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 h. Os interesados en participar teñen que cubrir o boletín de inscrición, que deberán achegar á secretaría técnica antes do 11 de xullo ás 14:00 horas. O alumnado que participe con regularidade nas sesión programadas do curso, que consta de 30 horas lectivas, recibirán un diploma acreditativo de asistencia. Horacio Cupeiro anunciou que tamén se está a tramitar coa Universidade de Santiago de Compostela “o recoñecemento de 1 crédito de libre configuración para os alumnos que asistan a estas xornadas”.

Nas mesas redondas que se van celebrar en Ribadeo abordaranse cuestións como o aproveitamento enerxético e a xestión das augas e dos residuos no medio rural galego; o modelo de xestión forestal sustentable para Galicia; o camiño cara o urbanismo sustentable en Galiza ou as potencialidades da Mariña Lucense de cara ao turismo sustentable.