Na súa intervención inicial Fernando Suárez dixo que “non se trata de pedir cartos, o que queremos é que, entre todos e liderado por quen queirades, isto non sexa un momento único, senón que dentro dun ano lle poidamos enviar a Pia Bucella actas de acordos que xeneremos aquí entre todos desde este preciso momento”. A directoral xeral de Natureza e Biodiversidade da UE, Pia Bucella, amosóuse disposta a colaborar, “si hai algo que poidamos facer desde a UE para garantir que se aplica ben a lexislación comunitaria sobre a natureza e si teñen algún tipo de expectativas pola súa parte non dubiden en facérnolas chegar”.

Ao encontro desta tarde asisten tamén o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; a vicepresidenta segunda da institución provincial, Lara Méndez; o xefe provincial de Costas, José Miguel Esteban Dolls; Ignacio Samper, director da oficina do Parlamento Europeo en España; Antonio Callejo, xefe de servizo da Consellería de Medio Ambiente en Lugo; e os concellais de Turismo e Medio Ambiente de Ribadeo, Ana Martínez e Horacio Cupeiro, respectivamente.

O alcalde de Ribadeo demanda do conxunto das administracións un plan de acción e un modelo de xestión para As Catedrais, control e atención á protección medioambiental do entorno, programas de educación e sensibilización medioambiental, atención e información turística e oferta de produtos e de actividades destinadas ao turismo que visita a praia das Catedrais. Suárez Barcia considera que “este areal precisa de algo máis que de solucións puntuais que dean resposta puntual ás necesidades que se van sucedendo ano a ano”.