O rexedor valorou de xeito moi positivo que “nesta nova edición de premios deste portal de internet que se chama TripAdvisor, onde millóns de viaxeiros de todo o mundo dan as súas opinións acerca de hoteis, de complexos turísticos, de voos, de vacacións, de paquetes de viaxes e tamén dentro destes premios das mellores praias do mundo a nosa, a das Catedrais, a de Ribadeo, da Mariña e de Galiza segue estando nos postos máis altos dende o punto de vista mundial. De feito para este ano os visitantes desta páxina escollérona como a segunda mellor praia do estado español e a número 15 do mundo”. As Catedrais está entre as 10 mellores praias de España (ocupa o segundo lugar) e entre as 25 mellores de todo o mundo (sitúana no posto 15 os internautas), segundo os 2014 Travellers’ Choice.

Para Suárez Barica “isto significa que segue estando nos lugares de excelencia recomendables para visitar por milleiros de persoas que veñen todos os anos e cada vez máis. E ao mesmo tempo dános ánimos para seguir loitando con esta teima, motivada e xustificada, para conseguir que o areal e que o seu entorno sexa declarado parque natural. É algo que non depende do Concello, si que depende do Goberno galego pero nesto pouco se está avanzando nestes últimos meses, a pesar dos posicionamentos do pleno da Corporación Municipal e da Deputación Provincial neste sentido”.

O alcalde ribadense dixo que “seguiremos traballando con novas iniciativas para darlle un impulso definitivo nos próximos meses a esta xoia da coroa e mascarón de proa do turismo galego e do estado e que, sen dúbida, como todos os anos vaise ver referendado porque neste verán non soamente vai vir a mesma xente que o ano anterior en número senón que vai haber moita máis”.